A publicidade, mellor e máis rendible en galego

O profesor de Linguaxe publicitaria en galego da Universidade de Vigo (UVigo) Benigno Fernández Salgado afirmou hoxe que a experiencia das últimas campañas publicitarias evidencia que é "moi rendible" facer publicidade en galego.

Fernández avogou, en declaracións a Efe tras a celebración da xornada A publicidade en galego no Consello da Cultura Galega, por conservar aos falantes do idioma da Comunidade que, segundo as últimas estatísticas, indica, "están en minoría en relación co español".
 
Neste sentido, este profesor afirmou que para falar de publicidade en galego é necesario, ademais dun produto, ter un público obxectivo consumidor desa campaña.
 
No entanto, Fernández sinalou que os invitados a este acto mostraron que os anuncios realizados en galego non só funcionan, senón que ademais as enquisas realizadas con posterioridade evidencian que "non hai xente contraria" a que se faga así.
 
Indicou que a última campaña da marca Gadis foi a máis vista na rede no conxunto do Estado e que incluso logrou traspasar fronteiras.
 
Fernández lamentou a pouca bibliografía que existe sobre esta materia, xa que, ademais dun volume que ten data do ano 1995, desde entón só hai 16 títulos que profundan un pouco sobre este aspecto fundamental da comunicación para a normalización do galego.
 
Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega (CGC) informou de que o número de axencias galegas representan unha cuarta parte das do conxunto de España, unha radiografía do sector que realizou o profesor titular de Historia da Propaganda e da Publicidade na Universidade de Vigo, Alberto Pena.
 
Pena diferenciou entre o apoio público e o privado, alegando que a Televisión de Galicia e a Xunta son as institucións que máis invisten en publicidade.
 
No que respecta ao sector privado, afirmou que é "incuestionable" a eficacia do galego como lingua publicitaria, do mesmo xeito que tamén o é que "os anunciantes necesiten investir máis en publicidade".
 
Nas xornadas tamén participaron o profesor de Publicidade da UVigo Alberto Dafonte, e catro representantes de empresas galegas que achegaron, á teoría, os casos prácticos. 

Comentarios