¿Que pinta Sherlock Holmes en Pontevedra?

Os alumnos da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético presentan o seu terceiro álbum colectivo: '221 BD'
O Sherlock que vén a Pontevedra a resolver o misterio de Lourizán
photo_camera O Sherlock que vén a Pontevedra a resolver o misterio de Lourizán

Que pinta Sherlock Holmes en Pontevedra? "Elemental", que diría o detective creado por Arthur Conan Doyle. Veu resolver un caso. Máis en concreto: ‘O misterio das xemelgas de Lourizán’. "É unha das historias máis traballadas do álbum", explica o director da escola de banda deseñada de Pontevedra, O Garaxe Hermético, Kiko da Silva. "Os autores fixeron un traballo de investigación moi importante. Pódese dicir ata que está baseado en feitos reais. Ademais incluíron un montón de datos sobre costumes da época". Non custa demasiado imaxinar a Holmes na Pontevedra decimonónica. "Para nada. Esta cidade convive cunha chea misterios moi interesantes e conta cun centro histórico de pedra, moi fermoso, onde o detective non chirría para nada. Penso que neste caso hai que felicitar especialmente aos autores polo ben introducido que está o personaxe en Pontevedra e por un guión moi intelixente neste sentido. Xa digo que foi unha das historias máis fermosas, mellor resoltas e máis sorprendentes do libro".

‘O misterio das xemelgas de Lourizán’ é unha das catro historias que forman parte do terceiro libro colectivo que publican os alumnos do Garaxe Hermético, ‘221 BD’. A obra, que vén de saír á rúa, propón unha serie de aventuras de Sherlock Holmes. Cada unha delas, que ocupa 20 páxinas, foi elaborada por un equipo de dez persoas. En total foron 40 os alumnos (de 1º e 2º curso) os que guionizaron, debuxaron, entintaron e colorearon ‘A lupa evanescente’, ‘Holmes resolve outro caso’, o xa citado ‘O misterio das xemelgas de Lourizán’ e ‘Encerro en Baker Street’.

RETOS E DESAFÍOS. "O resultado de todo isto foi sorprendente por moitas razóns, pero especialmente por dúas", explica Da Silva. "A primeira foi ter superado o reto que supoñía para os alumnos traballar en equipos tan grandes. Hai que saber coordinarse moi ben para sacar algo así adiante e fixérono xenial. A segunda foi o ben que se fixeron co personaxe e co desenvolvemento dunha trama. Tiñan un dobre desafío moi importante: respectar o espírito do detective e desenvolver un misterio, que leva sempre aparellada unha estrutura complexa porque debe manter unha tensión narrativa de comezo a fin".

As páxinas do cómic estanse a publicar cada fin de semana no suplemento xuvenil ÉVenres do Diario de Pontevedra

Os lectores de Diario de Pontevedra saben de que fala: as páxinas do álbum estanse a publicar cada fin de semana no suplemento xuvenil ÉVenres.

A decisión de adicarlle un volume a Sherlock Holmes tivo que ver co ‘goloso’ que resulta o personaxe de Conan Doyle, un dos favoritos de Kiko da Silva, e tamén con que se trata dun personaxe libre de dereitos de autor en España. "Nun primeiro momento tamén pensamos en Popeye, pero el aínda non está libre de dereitos aquí. Así que nos decidimos por Sherlock, que sempre dá moito xogo e que traspasou a figura creada por Conan Doyle para acabar tendo vida propia en películas, na serie de debuxos animados de Hayao Miyazaki e nas distintas series que se fixeron para televisión".

Todo iso non lles impuxo aos alumnos? "Máis ben ao contrario. Probablemente nese sentido tiñamos moitos máis prexuízos os mestres ca eles. De feito, as propostas que presentaron os diferentes equipos de traballo son totalmente diferentes entre si", conta o director do Garaxe Hermético. "A única que condición que lles puxemos e que todos respectaron é que tiñan que ser fieis á proposta orxinal de Conan Doyle. Era o único requisito imprescindible. Non queriamos ningunha parodia. E souberon estar á altura".

‘'221 BD’' está editado, como os anteriores volumes do Garaxe Hermético, polo selo Retranca.

Comentarios