Queimadas

Pois a min paréceme que iso de queimar retratos, digan o que digan e se desdigan o que se desdigan xuíces ou fiscais, está francamente (con perdón) feo. Pode que algunhas situacións políticas límites empurren a facer estas demostracións en principio pouco amabeis, pero deixémonos de lerias: nunha democracia, botarlle fogo purificador a alguén cando a propia democracia ten xa os seus resortes “purificadores”, pois parece que está de máis.

Por exemplo, é evidente que o labor de Rodríguez Zapatero como presidente do Goberno español pode gustar ou non gustar. Pois daquela, a democracia dá para actuar tanto nun caso coma no outro. Que estamos conformes con el? A votar polo presidente nas vindeiras eleccións. Que non o estamos? A coller a papeleta doutra formación e santas pascuas. Pero non ten sentido ningún saír á rúa a queimar fotos súas. Xa estamos todos queimados abondo coa crise, que diaño.

Outro tanto pódese dicir do presidente da Xunta, Pérez Touriño. Se estamos de acordo coa súa xestión, pois para iso están as urnas correspondentes para lle revalidar a manda. E se queremos que colla unhas vacacións forzosas, pois papeleta do que queremos que o substitúa, e aquí paz e despois gloria. Pero nada de facer incineracións públicas da súa imaxe. Ademais, sería moi pouco español: os touriños lídianse, pero non se queiman.

E o mesmo acontece, abofé, co alcalde ou alcaldesa do noso concello propio. Que sexa o voto democrático das e dos cidadáns o que decida se recunca ou recúa; ou se pode gobernar por si mesmo ou en (santa) compaña doutros. Pero non ten xeito facer da súa imaxe pasto das lapas, como se non houbese outros medios máis civilizados de quitalo do medio.

Daquela, non é comprensíbel que nun estado democrático se queimen as fotos de ningún cargo público. Iso deixámolo para outros réximes doutros sitios, onde dada a imposibilidade de expresar o desacordo co voto, a algúns dálles por queimar imaxes daqueles que se perpetúan no poder. Pero aquí iso non acontece. Estamos nunha democracia. Non é?

Comentarios