Quen dixo que o fregar ía acabar?

Lavar, retorcer, poñer a clareo, estender... Un mundo de posibilidades que eran o pan de cada día antes de que a lavadora automática chegase aos fogares galegos. Antes, durante e mesmo agora, xa que mesmamente na mañá de hoxe, cando máis de 30 escolares de 2º e 3º de Primaria chegaron ao lavadoiro de Vilar, atoparon unha veciña lavando roupa e non, non formaba parte da actividade organizada polo Concello de Valga en colaboración co CEP Xesús Ferro Couselo, de Cordeiro, e as asociacións Axentiva e Mulleres Rurais Albor. ‘Historias do lavadoiro’ enmárcase no proxecto Lembranzas para a recuperación do patrimonio cultural inmaterial do municipio.

Herminia, Mercedes, Lola, Ermita e o nonaxenario José Burés ‘do Rato’ explicáronlles aos rapaces como se lavaba antigamente e as historias que xurdían arredor destes lavadoiros. Recibiron información sobre o lavado da roupa, como se retorcía, poñía a clareo ou se estendía. Viron as bañeiras de cinc, a regadeira, a táboa e a sella da auga, onde antigamente levaban a auga para as casas, para facer de comer, darlle aos animais ou asearse.

Eran moitas as viaxes que tiñan que facer á fonte. Contáronlles como había que erguerse cedo para ir lavar, porque podía pasar que chegaran e non houbera sitio. As mulleres levaban as bañeiras e a sella á cabeza, sobre un moído -obxecto feito con panos-. O Rato levou un destes, que xa pertencera á súa avoa.

Tamén houbo tempo para os chismes, para o canto e o acompañamento das pandereteiras con nenas e maiores.

Comentarios