Quen é o animal?

Despois de contar o quinto cadáver os meus ollos afástanse instintivamente da fotografía, pero a imaxe do corpo sen vida de moreas de cans esquecidos na fosa común da canceira municipal do Carballiño non se esvaece da miña mente.

Porén, estou a falar dunha fotografía “ilegal”, tomada o pasado marzo polos integrantes dos colectivos Adega, Amigos da Terra e Matar por matar, Non; acusados de irromper sen autorización na Canceira de A Medela, onde puideron comprobar a existencia dunha fosa na que se amontoaban os cadáveres dos cans asasinados.

Coma non podía ser doutro xeito, dada a situación, os representantes das asociacións ecoloxistas foron absoltos dos cargos que se lles imputaba. De que outro xeito podería actuar o Concello do Carballiño sabendo que, ante uns feitos evidentes, unha nova acusación era inviable e que tiña moito que calar? Claro que as fotografías non teñen validez “oficial” ó ser tomadas sen autorización. Non existen. Aínda que sexan testemuña do maltrato abominable ó que foron sometidos – e seguen sendo – centos de animais inocentes.

Por suposto, as atrocidades non cesaron. Nin sequera tras a inspección do Seprona, despois da cal xa había nove cans mortos depositados na cámara frigorífica da canceira. E as matanzas seguen. Outros cincuenta e cinco animais acaban de ser asasinados segundo a última denuncia da asociación ecoloxista Matar por Matar, Non.

Julio Fernández, o portavoz do colectivo, explicou a varios medios galegos que co custo da retirada e cremación dos cadáveres se podería alimentar axeitadamente ós cans. Por este motivo, os ecoloxistas temen que os animais estean sendo sacrificados para diminuír o traballo na canceira ou para reducir os gastos, se ben apuntan que teñen constancia de que, tanto nas rúas coma nos concellos limítrofes, xa non se están recollendo cans.

Ante semellante vileza, tan só cabe esperar que o goberno do Carballiño investigue o acontecido e sancione tanto ós asasinos directos coma os cómplices covardes. É a derradeira manifestación de xustiza na que podemos confiar para que actos tan inmorais non queden impunes; pois as vidas dos centos de cans, entre os que se atopaban varios cachorros, xa se perderon para sempre.

Agora observo de xeito intermitente dúas fotografías: nunha, a mirada agarimosa dunha cadeliña inspírame tenrura; noutra os cadáveres de milleiros de cans cubertos de cal obríganme a facer unha única pregunta: quen é o animal?

Comentarios