Ramón Piñeiro

Bótanse en falta, nas celebracións deste maio das Letras, as voces dalgúns dos que trataron de perto ao home, ao intelectual, ao político homenaxeado. Agás excepcións significativas -Franco Grande, Méndez Ferrín, Torres Queiruga, Alonso Montero, García-Bodaño, Beiras Torrado, Losada Castro e poucos máis- ninguén pensou noutros, de noso e de fóra, que poderían aportar testemuñas interesantes ao debate.

O ''esquecemento'' non é tal. Resulta que os que andan con Piñeiro ás voltas non son precisamente os que máis frecuentaron a súa famosa mesa e, en canto ao ideario, comparten o que lles convén. Isto non quere dicir, que só os que o coñeceron deban estar nas palestras. É bo que a xente moza se ocupe do seu estudo. Destaca un traballo serio e ben documentado: Ramón Piñeiro nas olladas do galeguismo, de Miguel Barros.

Disto falabamos, esoutro día, con Luis Sobrado, pedagogo de altura da USC e un dos protagonistas políticos dos 80, por ser daquela secretario xeral do Partido Galeguista. O bon de Sobrado -como diría Piñeiro-, encarouse na transición cunha tarefa complicada, refundar e botar adiante un PG no que moi poucos crían.

Presidida por unha figura honrosa chegada do exilio, Ramón Martínez López, a formación tomou corpo despois do desastre electoral da alianza PPG-PGSD, renaceu serodia, en 1978. Sobrado participou na redacción do Estatuto e loitou contra a ''aldraxe'', igual que REGA -amplo colectivo político cultural auspiciado por Piñeiro- e outros partidos e personalidades -Eduardo Blanco-Amor merece ser salientado- que apoiaban a Autonomía.

O entón responsable do galeguismo mantivo boas relacións con Valentín Paz Andrade e con Ramón Piñeiro, convencendo a este último para que asistise ao Congreso do PG celebrado en Poio, en xuño de 1981. Piñeiro expuxo as súas posicións con claridade diáfana, mantívoas con valentía.

Ninguén mellor ca Sobrado, pois, para clarificar aquela etapa. Ninguén ten contado tampouco, que se saiba, con Ramón Lugrís, Teresa García-Sabell, Branca Giménez de Penzol, Arcadio López-Casanova, María Xosé Queizán, Ramón Lorenzo, Carlos Baliñas, Xesús González Gómez, Cristina Berg... Só por citar uns poucos nomes do interior, porque tamén os hai de fóra, desde Buenos Aires a Midelburg.

Eu coñecín a Ramón Piñeiro en 1972, dous meses despois de ter chegado a Compostela para facer primeiro de Comunes en Filosofía e Letras. Remitiume a el o Dr. Agustín Sixto Seco. Recordo con exactitude aquela visita inicial ao ático de Xelmírez 15. Fora buscar os borradores dunhas actas do Patronato ''Rosalía de Castro'' que el tiña -Piñeiro precedérame como secretario de actas-, para pasalas logo, a man, ao libro correspondente. Naquel encontro brindoume a súa confianza.

Con don Ramón, tamén con Isabel e con Sara, disfrutei dun tempo inesquecible. Polos dezaoito anos de amistade con Piñeiro consideróme afortunado. A través dunha chamada de Carlos Casares souben, o vintesete de agosto de 1990, que aquel ser humano extraordinario deixara de existir. Non puiden acompañalo na morte. Encontrábame lonxe, na Habana. Alí chorei bágoas amargas.

Comentarios