Ratzinger déixao

A ver, ¿a quen se lle pode acudir anunciar a renuncia de Ratzinger o mesmo día que empeza Gran Hermano? E o susto que me peguei eu pensando que ía directiño para a casa, ¿iso que? ¿Iso quen mo remedia? Xa me estaba imaxinando alí tirado no sofá coa Milá enfronte dicindo: “chámase Joseph, ten 85 anos e deixa de ser Papa para entrar no programa”.

Vale que nas miñas fantasías non se podería aplicar o conto ese de que unha retirada a tempo é unha vitoria, pero tamén vale a idea de que hai sitios mellores para converterse en mártir. Parece que Ratzinger ten máis sentidiño ca min e non quere que a súa sexa unha morte televisada nun confesionario como, salvando as distancias, ocorreu no caso do seu predecesor Juan Pablo II. Ignoro por completo se detrás da súa decisión se atopan cuestións de filtracións, saias ou mordomos, pero, desde logo, a súa decisión é a correcta.

Éo en dous sentidos. En primeiro lugar, porque en ningunha parte do dereito canónico se recolle que un Papa teña que crucificarse en vida televisando a súa apocalipse e, ademais, porque o que fixo é un símbolo de valentía e honradez que marcará un precedente para os papables ao converterse nun referente próximo no tempo, pois a última renuncia producírase hai uns seis séculos.

Que alguén decida deixar os zapatos vermellos ao lado porque xa ten todo corrido é signo de alguén que se viste polos pés, xa que tanto o Papado como os fieis necesitan unha figura que estea ao cento por cento das súas capacidades para cumprir as funcións encomendadas.

Comentarios