'#REBAIXASilleda' promove o uso do galego no comercio

O Concello pon a disposición dos establecementos interesados carteis gratuítos

A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe Pilar Peón, vén de poñer en marcha a campaña #REBAIXASilleda, para fomentar o galego no ámbito do comercio, de cara á campaña de rebaixas de verán.

Baixo o lema Non deixes a lingua fóra… Entra! Neste establecemento atendémoste en galego, a Concellería busca fomentar o uso do idioma no sector comercial e empresarial, ademais de promover que a transacción comercial sexa tamén en galego.

O Concello pon a disposición dos establecementos, sobre todo de téxtil e calzado, carteis gratuítos que deben solicitar no propio Concello ou chamando ao 986 580 000. Poderán facer as solicitudes ata o xoves 15 de xuño.

Esta campaña púxose en marcha o pasado ano cun gran nivel de aceptación entre os comercios, segundo o Concello. «Un ano máis, queremos apoiar con esta iniciativa o uso do galego nos nosos comercios», sinala Pilar Peón.

Ademais, esta campaña súmase a outras postas en marcha dende o departamento municipal con programas como SilledaAgasalla, co reparto de felicitacións en galego, ou Medrando en Galego, con actividades para fomentar o galego entre os nenos e nenas de ata 12 anos. Neste último inclúese a iniciativa Aloumiños en Galego, co reparto de caixas de benvida para os pequenos acabados de nacer, que seguen a repartirse dende o Concello.

COOPERACIÓN. Por outro lado, Pilar Peón participou tamén onte, na Escola Galega de Administración Pública, no seminario Os retos da cooperación municipalista na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que afondou no importante papel que a ONU lle outorga aos concellos e deputacións.

O Concello de Silleda, como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estivo así presente neste evento, no que se abordaron temas relacionados coas entidades locais como axentes de cooperación.

Comentarios