Recoñecemento para Galicia

Non volveron coas mans baleiras algúns dos galegos que onte optaban a algún premio. A produción Birdboy, do coruñés Alberto Vázquez Rico e Pedro Rivero, alzouse co Premio Goya 2012 á mellor curtametraxe de animación española. Neste apartado tamén competían Ella, de Juan Montes de Oca; Quién aguanta más (Zeinek gehiago iraun), de Gregorio Muro; e Rosa, de Jesús Orellana. Alberto Vázquez e Pedro Rivero xa venceran o pasado ano no Festival de Cine de Cans (O Porriño) coa mesma produción.

Doutra banda, o filme galego Arrugas foi premiado como mellor película de animación. Esta cinta competía con Elephant in the black box, Carthago Nova e Papá, soy una zombi. E Ángel de la Cruz, Ignacio Ferreras, Paco Roca e Rosanna Cecchini alzáronse co Premio Goya 2012 ao mellor guión adaptado polo seu traballo nesa cinta (baseada no cómic de Paco Roca), impóndose aos seus colegas Icíar Bollaín (Katmandú. Un espejo en el cielo), Pedro Almodóvar (La piel que habito) e Benito Zambrano e Ignacio del Moral (La voz dormida). Foi outro galego, o actor Martín Rivas, o encargado de entregar o Goya aos responsables desta cinta, acompañado pola actriz Belén Rueda.

Un dos produtores, Manuel Cristóbal, saudou en galego cun ''¡boas noites!'' e tivo palabras de agradecemento, entre outros, para a Xunta, a TVG e o audiovisual galego, no que situou as súas orixes na profesión.

Comentarios