A rede eterna

De momento (e repito de momento) non teño Twitter. Isto que en principio pode importarlle un pemento a quen o lea, é realmente transcendente para todos os meus amigos e coñecidos do mundo do social media, xa que o día que a espiche deixarei de invitalos a eventos aos que ninguén vai e deixarei de contarlles cando como, que como, onde e con quen.

O tema é que cando “o teu corazón deixe de latir, Twitter escribirá por ti”. Iso é o que promete unha nova aplicación chamada Liveson, que permitirá esta conexión entre o ceo e a terra e baseará o seu funcionamento na análise de todo o tuiteado en vida para catalogar as nosas preferencias e saber o que nos tiña chicha e limoná.

Tamén polo momento non sabemos se a rede seguirá empregando o sistema de microblogging que a levou ao éxito e que esixe resumir as experiencias nun máximo de 140 caracteres ou se, en cambio, desde o máis alá se lle van cortar as ás aos anxos e o de andar laretando todo o día se restrinxirá a quen en terra tivo máis cautela que desmesura.

Será en marzo cando a APP comece a funcionar, así que o máis probable é que Bieito XVI non sexa só o primeiro Papa usuario dunha rede social, senón tamén o primeiro que teña a oportunidade de seguirnos contando como é iso de chegar coas mans ao ceo. De calquera xeito, esta aplicación é unha parvada auténtica e só respectable para os usuarios que así o decidan, así que agardo que os que non o fagan non teñan que verse expostos a que sigan comercializando con eles por un día terse rexistrado nunha rede e esta terlles preguntado se tiñan algo que contar.

Comentarios