A reencarnación da trola

Nun daqueles célebres dous debates televisados que mantiveran Zapatero e Rajoy previos aos comicios xerais de marzo, e que consagraron para a posteridade á célebre “nena” parida por algún escasamente afortunado asesor (ou boicoteador?) de imaxe, o político galego non practicante ceibara unha mentira de tal calibre que sorprendeu mesmo ao protagonista, ou “vítima” se o prefiren, do suposto atropelo que o líder (?) do PP denunciaba. Falaba don Mariano da multa que puxera a Generalitat a un comerciante catalán por –segundo Rajoy- empregar o castelán nos rótulos do seu establecemento.

A realidade éralles ben distinta: pódese estar de acordo con ela ou non, pero non encaixaba en absoluto coa suposta “discriminación” do castelán en Catalunya sobre a que tantas trolas, manipulacións e montaxes esperpénticas se teñen feito.

A lei catalá obriga a empregar o catalán nos rótulos dos comercios, pero non impide en ningún caso que se empreguen tamén calquera das outras linguas, incluída por suposto a castelá. E eis o motivo da multa: este comerciante non empregou o catalán, e por iso foi sancionado. Non por empregar o castelán, como con manipulación e descaro sinalaba don Mariano, até tal punto de que o propio multado manifestara a súa sorpresa polo retorticeiro emprego que o candidato do PP fixera do seu caso.

Ben, pois agora, en Galiza, cando desde a Consellería de Industria se tenta facer algo semellante, de xeito que o galego estexa presente nos rótulos dos establecementos públicos sen prexuízo do emprego doutros idiomas, aparece a Federación Galega (ou algo parecido) de Comercio a pór, en boca do seu presidente, o berro no ceo por outra suposta “discriminación”. Entre outras lindezas, desde a FGC sinálase que esta norma podería causar un “prexuízo” ao sector.

Pois miren que a min me dá que o que está cheo de “prexuízos”, pero na outra acepción do vocablo, é o señor presidente da FGC. Porque esta lei non vai impedir a ninguén que rotule en castelán. Só lle esixe que ademais o faga en galego.

Que é daquela o que prexudica? Un pouco máis de gasto nunhas pingas de tinta? Ou que se aparecen polo comercio algunhas señoritas finolis ou señoritos de casino, ao veren os rótulos, se reviren e digan: “Huy, en gallego, qué asco”? Porque xa sabemos que non valen o mesmo os cartos de todo o mundo, seica.

Comentarios