Reféns

O terceiro cumio do G-20 celebrarase en Pittsburg, EEUU, cara finais de setembro. Para algúns dos asistentes, o prato forte da reunión será o anuncio feito pola Casa Branca o pasado 25 de agosto de que o déficit acumulado da facenda estadounidense na próxima década sobrepasará os 9 billóns de dólares, unha cifra moi superior á previsión de hai só dous meses, cando ascendía a dous billóns de dólares.

Debido ao status especial da divisa estadounidense, o déficit fiscal de EEUU, en realidade, é un déficit que pasa a cargo de todo o mundo, especialmente dos seus acreedores, nomeadamente China, o maior subscritor de débeda do Tesouro de EEUU, o que explica a urxencia que algúns reclaman en Pequín para diversificar os seus activos en dólares a fin de reducir perdas e librarse desa incómoda situación de refén de Washington. Xapón, Gran Bretaña, e outros países da UE, todos eles titulares de importantes cantidades de bonos do Tesouro, tamén están preocupados polo déficit estadounidense, pois semella un burato que non deixa de medrar.

Neste contexto, ademais das medidas estruturais que poidan adoptar as respectivas economías en función dos seus intereses, a falla de asunción de responsabilidades efectivas por parte de EEUU (comezando pola redución do déficit e do consumo excesivo) explica que a construción dun sistema monetario alternativo que reflicte a condición multipolar da economía mundial e poña fin a seis décadas de hexemonía do dólar pode levar tempo, pero semella unha opción inexorable. O FMI anunciaba recentemente un acordo con China para a adquisición de 50 mil millóns de dólares da súa primeira emisión de obrigacións da historia desta institución.

China vai mercar 32 mil millóns de dereitos especiais de xiro, a unidade de cómputo do FMI. É o primeiro acordo de compra deste tipo na historia do Fondo. Aumentará os recursos do FMI e ofrecerá a China, e outros países, un instrumento de inversión segura, sobre todo cando se outea na Administración Obama un acusado intento de eludir responsabilidades, ata o punto de irritar ao propio Sarkozy, nada sospeitoso de antiamericanismo.

Fronte ás ambicións doutrora, os discursos do equipo económico da Casa Branca van perdendo brillo e xerando incomodos a medida que se confirma a disposición efectiva a facer purgar no exterior canto sexa necesario para recuperar a marchas forzadas o liderado da prosperidade e da influencia global. Coa sintomatoloxía da recuperación, os problemas de base que causaron unha recesión tan fonda semellan ir quedando para mellor ocasión.

Comentarios