Rematados a limpeza e o valado de Mirón

A actuación xurdiu da petición por parte dos veciños da vila nunha das asembleas celebradas a finais do ano 2015
O alcalde, Andrés Díaz, comprobando o resultado final dos traballos
photo_camera O alcalde, Andrés Díaz, comprobando o resultado final dos traballos

Os operarios do Concello deron por rematados nos últimos días os traballos de limpeza e reparación do valado da carballeira de Mirón. A operación, que esixiu o lixado, vernizado e reposición das partes danadas do valado anterior, tivo un custo total de 6.000€. Logo de rematar o traballo, o Concello procedeu a instalar un banco nunha zona verde do lugar de Contixe, situado na mesma parroquia de Tourón, con vistas ao val.

Andres Díaz, alcalde do municipio, trasladouse a Mirón para revisar o estado final da carballeira. Definiu o resultado de "moi satisfactorio" e confiou en que o espazo quede en perfecto estado "para varios anos".

Esta actuación dá resposta a unha reivindicación habitual dos veciños de Mirón. Nesta vila efectuouse tamén a reforma integral da súa 'Casa do Pobo', que segundo fontes municipais destaca pola súa singular beleza arquitectónica.

ASEMBLEAS VECIÑAIS. A iniciativa xurdiu das asembleas convocadas polo Concello nos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas a finais de 2015. O alcalde afirma que, a pesar de que estes procesos supoñen "un importante esforzo para o Goberno local", que acode ao completo ás reunións, estas supoñen "unha ferramenta imprescindible" para dar resposta ás aspiracións da veciñanza.

O Goberno municipal, conformado por PSOE, AVP e BNG, apostaría así por "un modelo de democracia directa e participativa aberta a todo o mundo", afirmando que este é o espírito do que naceu a coalición que hoxe goberna Ponte Caldelas.

Andres Díaz contrapón o modelo asembleario implantado polo Concello, "de diálogo fronte a fronte", co modelo anterior, no que había intermediarios ou conseguidores entre o Goberno local e os veciños. Insiste en que o seu equipo "non podía proceder doutro xeito" debido á responsabilidade de gobernar un municipio "onde en 40 anos o diálogo brillou pola súa ausencia". Programa unha nova rolda de asembleas veciñais para finais de este ano.

Comentarios