Celso Milleiro: ''A República foi en Marín un período de tensión política e de conflitos''

Celso Milleiro Sánchez. álvaro agulla
photo_camera Celso Milleiro Sánchez. álvaro agulla

‘Marín durante a Segunda República’ é o título da conferencia que ofrecerá esta tarde o investigador histórico Celso Milleiro, na que fará un percorrido pola situación da vila naquel tempo, da conflitividade política e sindical e dos avances sociais que se produciron

A Biblioteca acolleu a conferencia ‘Marín durante a Segunda República’, a cargo do investigador histórico local Celso Milleiro Sánchez. O acto está organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica con motivo do 82 aniversario da República. Milleiro leva seis anos investigando xunto a Xosé Manuel Moreira Docampo sobre o movemento obreiro, a República e a Guerra Civil en Marín.

Por que abordar agora a etapa da Segunda República?

Nesta conferencia entraremos a analizar como viviu Marín a etapa situada entre os anos 1930 e 1936, dándolle unha maior atención á Segunda República. O certo é que non existe ningún libro publicado sobre o acontecido neste tempo en Marín e, polo tanto, parece axeitado aproveitar esta data para dar a coñecer algunhas das claves e conclusións das miñas investigacións nos últimos anos.

Como definiría este momento histórico en Marín?

Foi un tempo de tensión política e de conflitos laborais. Durante a República houbo cinco alcaldes, dos que dous foron fusilados (Antonio Blanco Solla e Gonzalo Martín March) e un terceiro desterrado a Barcelona (Agustín Rey Fonseca). Trátase de homes do Partido Socialista o primeiro e de Esquerda Republicana os outros dous. Pola súa banda, os dous alcaldes do Partido Radical (Ezequiel Massoni e Nicolás Vinteño) non tiveron ningún problema.

En que se traballaba no Concello naqueles intres?

Fundamentalmente había un problema bastante grave, a falta de saneamento, o que estaba a producir consecuencias hixiénicas en lugares como O Busto, Cantodarea ou Banda do Río. Tamén se falaba da necesidade de contar cunha traída de auga e cun mercado. En todo caso, foron tempos de grandes enfrontamentos entre os partidos de esquerdas e os de dereitas no Concello.

Houbo algún acontecemento relevante neste aspecto?

Marín tivo por primeira vez na súa historia a un alcalde do pobo, un cidadán común, na persoa de Antonio Blanco Solla, que ostentaba o cargo cando se produciu o golpe de Estado de 1936 e que posteriormente foi asasinado. Antes da súa elección, os alcaldes eran comerciantes ou industriais, polo que a dereita reaccionou enerxicamente e nótase perfectamente esta situación na prensa da época. Ademais, chegaron a presentarlle unha moción de censura aproveitándose dun concelleiro socialista díscolo, aínda que naquel momento era un feito simbólico xa que non conlevaba a perda da Alcaldía.

A que conflitos laborais se refire?

Hai que ter en conta que estamos nunha etapa de gran dinamismo sindical, que xa viña desde finais do século XIX, o que provocou importantes desencontros entre os traballadores e os patróns. Temas como a xornada laboral e as condicións laborais centraban as demandas dos obreiros. Ademais, destacaron os propios enfrontamentos entre sindicatos.

Que pedían?

Por exemplo, a Sociedade de Canteiros reclamou unha xornada de 44 horas á semana, e os mariñeiros un mínimo de 13 días de descanso ao trimestre. Ademais, as mulleres tamén tiveron un gran protagonismo a este nivel, sobre todo as que traballaban na conserva e as redeiras, entre outras.

Lograron as mulleres nesa etapa avances en canto ao recoñecemento de dereitos?

Sen dúbida. Ao inicio do período ao que me refiro, cando se creaban organizacións sindicais femininas os seus dirixentes eran homes. Sen embargo, ao longo da República conseguiron un importante poder de decisión. Por poñer dous exemplos, a Sociedade de Redeiras estaba presidida por Dolores Santiago Troitiño ‘A Pasionaria’ e a Sociedade Conserveira de Mulleres por Carmen Vilas.

A nivel social, que máis se pode dicir destes anos?

É moi salientable que nesta etapa había en Marín 17 centros de ensino públicos e outros cinco privados. Se ben é certo que eran máis pequenos que os actuais, non se pode deixar de dicir que é un número moi importante, e durante a República foi en aumento. Foi un tempo tamén de apertura en canto á liberdade relixiosa e aos avances en canto a dereitos das mulleres, como tamén diciamos antes no terreo sindical.

Como foi logo o último tramo da República e despois do alzamento de 1936?

Marín é un dos municipios con maior número de represaliados de Galicia, estando entre os dez primeiros. Iso débese ao gran dinamismo sindical ao que facía referencia antes, e aos propios enfrontamentos políticos, que derivaron en execucións, persecucións, mulleres rapadas, etc. En todo caso, aínda queda moito por coñecer dese momento.

Comentarios