''A retranca veu en islandés''

Elías Portela é un tipo falangueiro que mestura o sotaque do galego do Morrazo cunha música que chega de moito máis ao norte. 'O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido' (Barbantesa, 2011), escrito orixinalmente en islandés baixo o título de 'Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum', é o último libro que o autor a sacado ao mercado. Unha obra inescrutable para os non iniciados. Arrastra unha sinusite galega. ''É pola humidade; en Islandia, entre dez baixo cero e cero hai moita menos condensación e estou perfecto''.

En pouco máis dunha década, Portela (Cangas do Morrazo, 1981) converteuse no terceiro poeta máis destacado de Islandia, alomenos para os escolmadores da revista británica Poetry Review, que situaron o galego cabo do venerable Sjón e mais Kári Tulinius.

Portela valeuse de Elías Knörr para adentrarse no sistema literario islandés e probar que un estranxeiro podía facelo. Knörr foi un ''heterónimo mariñeiro'' que se creou para publicar o seu libro islandés, que apareceu na editora Stella e tivo unhas ''críticas boísimas da web literaria de Reikiavik'', sen saberse que o autor non era islandés. Logo chegarían a saída do armario da nacionalidade e a descuberta de que detrás do Knörr estaba o galego Portela.

(Máis información na nosa edición impresa do 24 de xaneiro).