As Rías Baixas consolídanse en 2015 como un referente turístico a nivel nacional

Vilas como Cambados xa superan por moito o número de visitantes acadado durante todo o ano pasado, según informa a Deputación
Casal de Ferreirós de Poio
photo_camera Casal de Ferreirós de Poio

As Rías Baixas continúan sendo un dos grandes reclamos turísticos a nivel estatal. Así o reflexan os datos facilitados onte pola Deputación de Pontevedra, nos que se recollen as cifras correspondentes ás visitas recibidas polas oficinas de turismo emprazadas en diferentes municipios pontevedreses. Cambados, Poio ou Cangas son algunhas das vilas que ao longo do ano acolleron a un maior número de visitantes.

O caso máis chamativo é o do concello pertencente á comarca do Salnés. Tal e como sinala un informe elaborado polo máximo organismo provincial, as dependencias cambadesas rexistraron preto de 16.000 visitas no que vai de 2015. Esta cantidade supera con creces á obtida en 2014. O aumento é de 5.225 turistas.

A Deputación de Pontevedra ten contratados diplomados ou graduados en Turismo, así como técnicos superiores en Información Turística nun total de 15 oficinas. Ademais, 19 puntos de información contan con bolseiros subvencionados pola institución provincial. No caso de Cambados, o 40% dos visitantes foron persoas maiores de 60 anos. A maiora dos turistas (un 83% concretamente) eran doutras cidades españolas.

POIO. Con respecto a Poio, o máximo organismo pontevedrés constata que a súa oficina de turismo, na que traballa unha diplomada en Turismo do Plan de Práctica Laboral, recibiu desde o pasado mes de xaneiro unhas 8.100 visitas aproximadamente. Como dato curioso, cómpre salientar que tres cuartas partes destes excursionistas, concretamente o 75,53 por cento, non coñecían a vila. Máis da metade (56,74%) aloxouse en hoteis, aínda que tamén houbo moitos visitantes que optaron por desprazarse nos seus automóbiles particulares ou en autobús.

En canto ás razóns que motivan as chegadas a Poio, a riqueza cultural é unha delas (55,91%). Tamén abundan as persoas que buscan coñecer novos contornos naturais e xente que aproveita o seu tempo de lecer para visitar a amigos ou familiares.

Comentarios