Risos para a volta do verán

Goyo Jiménez, Carlos Blanco xunto a Luís Davila e David Guapo protagonizarán actuacións en distintos espazos de Pontevedra no último trimestre do ano
Goyo Jiménez volverá en setembro á cidade
photo_camera Goyo Jiménez volverá en setembro á cidade

Humor para volver das vacacións. A programación de ocio en Pontevedra para o último trimestre do ano estará marcada polos espectáculos de monólogos. Goyo Jiménez, Carlos Blanco xunto a Luís Davila e David Guapo presentarán na cidade os seus últimos shows.

O primeiro en vir a Pontevedra será Goyo Jiménez. Farao o 21 de setembro. "El humor desafía a la estupidez", dicía o monologuista a última vez que estivo na cidade, en setembro de 2015, cando actuou no Pazo da Cultura. Presentaba En verdad os digo. Desta vez vén ao Auditorio de Afundación con Más difícil todavía. Humorista, actor e presentador Jiménez ten traballado en máis de 20 programas de televisión, montou cinco espectáculos en solitario, é un habitual de El Club de la Comedia e ten colaborado con xente como Joaquín Reyes, Florentino Fernández, Eva Hache e José Mota, entre outros. A recadación do monólogo estará destinada a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra (Afapo).

O 22 de outubro os que volven a Pontevedra son o actor e monologuista arousán Carlos Blanco e o debuxante buenense Luís Davila para presentar, no Pazo da Cultura, a continuación do seu show Menú do día. Desta vez titulárono Menú da noite e nel substitúen, segundo anuncian, as faldas escocesas por smoking. "E ata cociñan caldo en directo. Literalmente. Nesta ocasión viaxan a Broadway. E bailan claqué e todo". O espectáculo volverá combinar o enxeño dun e doutro enriba do escenario. Para a ocasión contaron con música de Budiño e Kepa Junkera.

FRUNJIR. Finalmente, o 11 de novembro virá, ao Auditorio de Afundación, David Guapo, que estivo por última vez na cidade en setembro de 2015 (precisamente no espectáculo de humor que organiza anualmente Afapo para recadar fondos). Desta volta presentará a segunda parte do seu show Que no nos frunjan la fiesta. O tema de frunjir, verbo de creación propia do monologuista, volve servirlle de escusa ao humorista para analizar a actualidade e as experiencias cotiáns dende o seu particular punto de vista.

Comentarios