As obras na Galiña Azul de Ponte Caldelas comezarán esta mesma semana

O exalcalde do municipio acusa ó actual rexedor, Andrés Díaz, por "ter unha obsesión persoal con el"

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, deixa claro que o a Xunta de Galicia iniciará durante esta semana as obras de mellora na escola infantil de Ponte Caldelas adscrita á rede Galiña Azul. Todo isto prodúcese despois de que o Goberno local do lugar lamentara que a administración autonómica non "estivera a realizar a parte que lle corresponde". Ante esta situación, o citado organismo aclara que o pasado un de agosto se lle enviou unha carta ó alcalde, Andrés Díaz, informándoo do inicio dos traballos neste mes, aproveitando o peche deste centro con motivo das vacacións de verán.

Rodríguez aclara que levou unha sorpresa cando Díaz "parece esixir unhas tarefas que xa van comezar". Para el, as declaracións deste e do seu equipo de goberno responden a un ataque á Xunta de Galicia "sen ningún tipo de fundamento". Este incide en que "avisamos ós máis de oitenta concellos por igual, pero o caso de Ponte Caldelas foi o único en saír na prensa, debe ser para sacar rédito electoral, xa que nos lles comunicamos as obras de forma oficial". Engade que "incluso a empresa que levará a cabo as reformas lle pediu ó goberno as chaves para poder realizalas". O exalcalde de Ponte Caldelas incide en que Díaz "ten unha obsesión persoal conmigo, pero bueno eu teño máis cousas importantes nas que pensar. As súas declaracións só demostran a altura moral deste personaxe".

Por unha banda, aclárase que para todas as labores que se farán na Galiña Azul se realizará un investimento que se aproxima ós 15.000 euros. As actuacións que aquí se comprenden son a instalación do sistema de climatización, a reparación do toldo exterior, o arranxo de humidades nas aulas 2 e 3, na sala multiusos e na cociña, a colocación de termómetros con lectura de temperatura, protectores para esquinas de mesas para os nenos, dispositivos antipánico nas porta de saída de emerxencia ou unha pileta infantil, entre moitos outros traballos.

Por outra banda, Rodríguez tamén fai saber que "como alcade que fun de Ponte Caldelas, sei que no mantemento da escola tamén é responsable o Concello. Nós imos levar a cabo a substitución do toldo roto, cousa da que se tiña que encargar o Goberno local en virtude do convenio de xestión formalizado en febreiro do ano 2009 entre ambas dúas administracións. Este estivo sen ser reparado durante todo este tempo e agora vámonos encargar nós".

Comentarios