Román Rodríguez eloxia o papel dos Peña Novo

O conselleiro de Cultura participa na entrega dos premios a Francisco Díaz-Fierros, Xosé Manuel Cid Fernández e o Concello de Brión no Castelo de Soutomaior
Os tres premiados, onte, nos xardíns do Castelo de Soutomaior
photo_camera Os tres premiados, onte, nos xardíns do Castelo de Soutomaior

Os profesores Francisco Díaz-Fierros e Xosé Manuel Cid Fernández, ademais do Concello de Brión, recolleron este xoves, no Castelo de Soutomaior, os Premios Lois Peña Novo, que entrega a fundación do mesmo nome en recoñecemento ao emprego da lingua galega no ámbito profesional.

No acto de entrega participou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que reivindicou o uso da lingua galega e uns premios que levan o nome dun galeguista comprometido e un dos máis activos integrantes das Irmandades da Fala, como foi Lois Peña Novo. Neste senso puxo en valor "o empeño e autoesixencia" dos integrantes da Fundación Peña Novo "no reforzamento da conciencia da galeguidade" tanto nas administracións coma no conxunto da cidadanía, segundo informou a Consellería de Cultura nunha nota.

Segundo dixo, este labor a prol da nosa identidade lingüística reflíctese nos galardoados desta edición xa que "todos eles contribúen a que a nosa lingua se consolide en todos os campos da sociedade".

Román Rodríguez foi o encargado de entregarlle o premio ao catedrático de Edafoloxía Díaz-Fierros, especialmente recoñecido polo uso da lingua galega na ciencia. O profesor e pedagogo da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid Fernández recibiu o galardón por ter destacado no desenvolvemento de programas de renovación pedagóxica e por entender o ensino vinculado á realidade cultural.

ADMINISTRACIÓN LOCAL. Segundo a Consellería, o titular do departamento felicitou aos galardoados e fixo extensivo os parabéns ao Concello de Brión, que recibiu o premio por defender e empregar o galego xa desde os albores da democracia. Concretamente o xurado recoñeceuno "pola utilización desde 1979 da lingua galega como lingua de uso, tanto para as tarefas administrativas como para o desenvolvemento de accións dirixidas ao pobo". Segundo Román Rodríguez, calquera administración local, para facela máis eficiente, eficaz e achegada aos cidadáns, "debe falar a lingua da xente para servila con competencia e desde a proximidade".

O conselleiro, que estivo acompañado onte polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, concluíu a súa intervención reivindicando que o futuro da lingua galega "depende de cada un de nós, de cada persoa, de cada colectivo e de cada administración".

Comentarios