Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

"As dinámicas demográficas condicionarán toda a estrutura do sistema a medio prazo"

Román Rodríguez
Román Rodríguez
Afronta o inicio do curso escolar coa tranquilidade que dá a falta de incidencias e subliña que a Xunta está "reducindo o fracaso escolar e aumentando os coñecementos e a atención á diversidade" grazas a liñas de traballo como a extensión do plurilingüismo a máis centros e á aposta polo ensino dixital e as competencias STEM

Concede a entrevista no seu despacho de San Caetano no medio do balbordo que supón un inicio de curso. Para o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, "a mellor noticia é que non hai unha gran noticia salientable, salvo que comezou con normalidade".

Como viviu estes primeiros días?
O inicio de curso é sempre un momento de cambio para as familias e para os alumnos e xera estrés na comunidade educativa, xa que estamos ante un sistema dunha enorme dimensión: máis de 30.000 profesores en Galicia, 380.000 alumnos no ensino non universitario e máis de 1.100 centros educativos.
Cales son as novidades máis destacadas deste novo curso?
Queremos profundizar naqueles aspectos que están dando bo resultado e afortunadamente vemos que o sistema educativo galego está nunha senda de mellora, tanto no que ten que ver coa calidade como coa igualdade de oportunidades. Estamos reducindo o fracaso escolar, aumentando os coñecementos en competencias, incrementando a atención á diversidade... En definitiva, apoiando ás familias con servizos complementarios como o transporte, comedor, acceso aos libros de texto... Temos dúas liñas de traballo importantes que están contribuíndo a modernizar o sistema: a extensión do plurilingüismo a todas as etapas educativas e a aposta polo ensino dixital e as competencias STEM, orientadas a potenciar o coñecemento en ciencias, matemáticas e aqueles ámbitos que van definir o futuro dos actuais alumnos. Temos que preparalos para unha sociedade e unha economía máis tecnificadas, sen esquecer os coñecementos humanísticos que posibilitan que as persoas teñamos uns valores acordes cunha sociedade moderna.
Cantos centros plurilingües hai en Pontevedra?
Son 116 na provincia, nove deles na capital. Estamos incrementando o número de centros, estendendo o plurilingüismo a Infantil, a Bacharelato e a FP. Tamén incrementamos a cifra de seccións bilingües, ata 105 no municipio.


"Temos que preparar o alumnado para unha sociedade e unha economía máis tecnificadas sen esquecer o humanismo"

Funciona este sistema?
Nos datos internos vemos que o dominio do inglés se está incrementando notablemente, e máis nos centros plurilingües. A nivel de resultados de competencias e coñecementos estamos tendo un incremento do nivel dos alumnos galegos no informe Pisa.
Esta aposta leva aparellado un incremento do profesorado?
Por suposto. A clave do sistema é ter o mellor nivel formativo do profesorado. A maior calidade da docencia, mellor resultado educativo. Cada vez hai unha maior implicación e formación.
Outra das novidades foi a entrada en vigor do transporte integrado. Como valora os inicios?
O bus compartido é algo lóxico e de sentido común que permite racionalizar un servizo público e facilitar a mobilidade nas zonas rurais. Vense facendo noutras comunidades autónomas e tamén en Galicia co Tes+Bus. A premisa é manter horarios, paradas e rutas. O único cambio que senten os nenos é que poida ir algún adulto do seu contorno próximo. Funcionou con normalidade.
Aínda así hai suspicacias nas familias, que non saben quen poderá ir no bus cos seus pequenos...
Hai acompañantes en todas as rutas e teñen a misión de supervisar a organización e a convivencia nos buses e na práctica os usuarios non escolares serán, sen dúbida, familiares, amigos e veciños. Non se alteran as normas e, de facelo, o acompañante ten que ter criterio para favorecer a convivencia.
A Consellería está investindo case seis millóns de euros en obras en centros educativos da provincia. Unha das máis demandadas é a retirada de amianto. Como vai ese proceso?
No caso de Pontevedra estamos facendo esta actuación no CEIP Vilaverde-Mourente, onde hai moi pouco material deste tipo. Quero lembrar que todos os informes técnicos din que o amianto en estado inerte é inocuo para a saúde. Obviamente, cando se fai algunha obra que implique a manipulación deste material faise cuns enormes controis de seguridade e fóra do horario escolar. É unha cuestión progresiva que se está facendo en todas partes e non debemos xerar alarmismo.

"O bus compartido é algo lóxico que permite racionalizar un servizo público e facilitar a mobilidade en zonas rurais" 

O venres comeza o curso en Eso, Bacharelato e FP. Algunha novidade?
Sempre hai pequenos cambios, pero o importante é a liña xeral: aposta polo plurilingüismo e por novas áreas de libre configuración, que son moi importantes, porque posibilitan formar ao alumnado e achegarlle coñecementos moi importantes para a súa formación como persoa. Gustaríame destacar materias como Valores democráticos europeos, Identidade dixital ou Mobilidade segura. Despois sempre hai ciclos que entran e saen do sistema, porque o mapa educativo é un mapa vivo e responde aos cambios demográficos, ás actividades económicas e ás demandas sociais. Este ano en FP en Pontevedra temos o primeiro e único ciclo que se imparte en Galicia sobre Promoción de igualdade de xénero, no CIFP A Xunqueira. Tamén no CIFP Carlos Oroza estamos implementando ciclos vencellados á FP Dual e ás dobres titulacións.
O curso pasado foi bastante intenso en Bacharelato pola incógnita das novas probas de acceso á Universidade, aínda que ao final non houbo grandes cambios.
Desde Galicia sempre lle solicitamos ao Ministerio de Educación que a nova proba fora moi semellante á anterior e así foi. A Abau celebrouse con normalidade e así volverá ser este curso.
Precisamente este martes comezou a proba de setembro e estes mozos xa non poderán optar a preto dun cento de carreiras. Que pasou coa proposta de adiantar os exames para evitar esta situación?
Estamos falando coas universidades para adiantar a segunda Abau para antes de agosto porque posteriormente hai que elixir praza. Normalmente na oferta de graos a principio de curso os máis demandados cúbrense cos alumnos de xuño e os de setembro teñen unha oferta menor. A lectura positiva é que a oferta académica das universidades está relativamente axeitada á demanda dos estudantes. No caso de Pontevedra hai titulacións con moi boa demanda e estase poñendo en marcha a especialización do campus, que a Xunta apoia.
Como se materializa este apoio?
Estamos pendentes de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións de I+D+i en 2017 e 2018 por un importe de 3,6 millóns de euros. Desta cifra, 120.000 son para o Crea S2i, a metade en cada anualidade.

"O amianto en estado inerte é inocuo e calquera obra que implique manipulación faise cun gran control de seguridade"


Que suporá esta especialización para Pontevedra?
Cremos que vai ser moi positiva para a cidade porque vai crear un ambiente educativo no eido universitario especializado na creatividade. Moitas das titulacións do campus encaixan moi ben con esta especialización formativa.
Teñen establecido algún prazo para resolver a configuración do novo mapa universitario?
Estamos traballando de xeito construtivo coas universidades galegas. Unha oferta educativa ten que evolucionar da man da sociedade e responder ás súas demandas, tanto a nivel social como económico e produtivo. Nese sentido temos unha folla de ruta e un plan de mellora de moitos aspectos da vida universitaria: especialización, internacionalización, creación de doutorados e mestrados de excelencia, graos en inglés... orientados a crear as bases da Universidade do século XXI. Antes de fin de ano calculamos que poidamos presentar o novo mapa. Vaise xerar un cambio importante, porque somos a única comunidade autónoma que está facendo nestes momentos unha redefinición da súa oferta universitaria para ter unha serie de carreiras novas que dean resposta ás demandas da sociedade e para reaxustar as menos demandadas.
Nalgún momento se pensou en eliminar graos con matrícula escasa, como algúns de humanidades?
Non. O que se pensa é avaliar as nosas fortalezas para potencialas e as nosas debilidades para transformalas. Un sistema universitario ten que ofertar certas carreiras. Búscase definir unha oferta para a Galicia do século XXI tendo en conta o papel central da Universidade, que ten que estar ao servizo da sociedade. Son mundos absolutamente imbricados. Ten que formar profesionais para que a sociedade avance.
Falabamos de infraestruturas. No contorno de Pontevedra está en marcha a construción do novo IES de Soutomaior. Mantéñense os prazos previstos?
A previsión era que entrara en funcionamento para o curso 2018-2019 e así segue sendo. Mellorarase a oferta educativa nunha zona de certa presión demográfica. Nunhas zonas é necesario ampliar e noutras, por desgraza, o número de alumnos mingua e hai que axustar. Por iso digo que o mapa educativo é un mapa vivo.
Outra das demandas é un colexio novo en Vilalonga (Sanxenxo). Daráselle resposta a medio prazo?
É unha vella demanda da que se leva falando moito tempo. Teremos que falar cos novos responsables municipais e tomar a decisión máis acertada para os intereses educativos da poboación do contorno.

 "Destinaremos 120.000 euros para o Crea S2i, un proxecto de especialización que será moi positivo para Pontevedra"

Este mapa está vencellado directamente á natalidade. Que fai a Xunta ao respecto?
O problema estrutural máis grave de Galicia é a dinámica demográfica, en tres variables: a baixada de poboación, o avellentamento e o risco de perda demográfica nalgunhas zonas rurais. Isto trasládase a todos os servizos públicos e fundamentalmente á educación e á sanidade. A perda de natalidade ten unha traslación directa ao alumnado. Estamos vendo un descenso da matrícula en Infantil e isto é un reto para os xestores do eido educativo. É un problema que moitos minimizan e foi esta Xunta a que tomou conciencia da situación e impulsou medidas para favorecer a demografía e a que entendeu que é un reto para o Noroeste de España. Debemos ser moi conscientes de que todas as medidas que se poñen en marcha deben avaliarse desde este parámetro, que está marcando a organización dos servizos públicos.
Desde un punto de vista positivo, a redución de matrícula serviría para baixar as ratios das aulas. Se hai 26 nenos, mellor 13 en cada clase que todos nunha soa?
Galicia, na peor época económica, foi das poucas comunidades autónomas que non subiu a ratio. Mantémonos na establecida pola LOE. Afortunadamente temos das mellores ratios alumno/aula de España e a mellor de estudante/profesor. Estamos nuns niveis xerais positivos, con independencia de que haxa casos concretos de ratio de 25 alumnos e outros moi por debaixo, pero iso é o reflexo do país e do mapa demográfico que temos, onde en certas zonas periurbanas hai unha forte demanda de prazas e estamos construíndo novos centros, como en Navia (Vigo), onde pasamos dunha unidade a tres, mentres nas áreas rurais os espazos teñen pouca capacidade para aumentar alumnado porque non hai rapaces. Obviamente as dinámicas demográficas condicionarán a medio e a longo prazo toda a estrutura do sistema.
No caso das áreas rurais nótase máis na supresión de escolas unitarias, non é?
En certas zonas temos que crear máis unidades e noutras, ao revés. Non é racional que haxa unha escola con tres alumnos cando a unha distancia moi prudente hai maior oferta. Non só non o é desde o punto de vista da xestión, senón tampouco do pedagóxico. Sobre todo en idades máis temperás, o sistema educativo ten unha función socializadora e de aprender a convivir e temos que ter un número mínimo para dar un servizo de calidade. Hai criterios pedagóxicos que avalan certas medidas que se adoptan.

"As dinámicas demográficas condicionarán toda a estrutura do...
Comentarios