Ronsel aposta por recuperar as correntes baixo o espigón de Aguete

Un home observa as embarcacións tralo paso do último temporal, coa praia ó fondo. ángeles pazos
photo_camera Un home observa as embarcacións tralo paso do último temporal, coa praia ó fondo. ángeles pazos

MARÍN. O Grupo Cultural Ronsel fixo público onte o proxecto sobre como solucionar a falta de abrigo do Porto de Aguete que enviou a Portos de Galicia tralo encontro mantido entre o organismo autonómico e varias asociacións implicadas nesta cuestión hay varios días. Na súa proposta, Ronsel oponse totalmente á ampliación do actual espigón e aposta por recuperar as correntes marítimas do lugar mediante pasos abertos baixo a actual estrutura da plataforma.

«O noso proxecto trata de recuperar as correntes, facendo un espigón en pivote, facendo túneles... Terían que estudalo os técnicos», afirma Xosé Vilas, membro de Ronsel. «Hai que analizar este primeiro proxecto, que xa afectou á praia. Temos que corrixilo, senón son erros enriba de erros», afirma en relación coa creación do actual espigón de cemento que veu a ampliar o peirao antigo, de cemento.

Ronsel reivindica a súa postura de non alongar o espigón actual, como fixo sempre, recalcando ademais que os efectos sobre o areal son notorios. «Estudemos os erros dese proxecto e subsanémolos», insiste. «Na reunión dixeron que o que xa estaba feito xa quedaba así», lamenta Vilas, recalcando que en vez de facer máis longo o espigón sería mellor mellorar o xa existente «cunha obra que non custe os 8 millóns que meterían na prolongación do peirao».

Vilas explica que tamén que a falta de abrigo no Porto non é tal. «O Porto ten abrigo cando a marea está alta», di, engadindo que os problemas prodúcense pola baixada da marea, que xunto co mar de fondo e o basculamento da praia ocasionan que as ondas rompan xusto onde están as embarcacións, nunha zona de pouco calado.

Recollida de firmas

Ronsel leva xa recollidas 400 firmas que avalan a súa postura e abogan pola recuperación da praia dende que comezaran a recoller sinaturas, a finais do mes de xaneiro.

A iniciativa xurdiu para dar voz ós veciños de Marín, xa que un proxecto de ampliación do espigón afectaría a unhas das praias da vila, polo que o grupo cultural considera que se debe ter en conta o seu parecer.

Comentarios