Sainete

Calquera diría que vivimos nunha peza de teatro do absurdo rodeados de personaxes que ben poderían ter saído dunha película de Berlanga ou dun soño tan pesado como surrealista, deses que aparecen logo de mesturar enchentes nocturnas con preocupacións varias e telelixo. Na mesma semana, mentres facemos leña da árbore caída de Cañete, ese home que nun alarde de superioridade intelectual quixo botar por terra a súa campaña para mandar en Europa, xorde un alcalde vasco facendo gala de xenofobia “inadecuada”; asistimos, non sen vergonza allea, a un desfile feliz de concelleiros composteláns co bandullo cheo e o rostro cementado paseando polos xulgados cunha acusación de corrupción ás costas; ou ó ridículo dunha muller facendo literalmente o mono desde as bancadas para mofarse dun xogador negro diante de dous rapaces que ben poderían ser os seus fillos; ou á retirada dun anuncio porque o actor que o protagoniza apoia o achegamento de presos... A guinda deste cóctel esperpéntico púxoa onte o alcalde de Poio nun informativo nacional, negando o afán recadatorio das multas impostas a varios condutores que xiraron a cabeza máis de 45 graos ó volante. Quen sabe o que viron pola ventá para cometer semellante atrocidade, pero, neste país de pandeireta, calquera cousa é posible.

Comentarios