Saír do punto morto

O primeiro ministro palestino Salam Fayyad presentou o seu plan de acción para a creación dun Estado palestino antes de 2011. Sobre o papel, o proxecto detalla todas as dimensións imprescindibles para contar cun aparello estatal de facto e orientacións sobre as políticas a desenvolver en todas as ordes. Esta nova táctica palestina responde á frustración polo nulo resultado das negociacións entre Palestina e Israel ao longo de dezaseis anos e á necesidade de retomar a iniciativa política.

O novo Estado poríase en marcha a pesar da ocupación e para librarse dela, coa perspectiva de aliviar as pésimas condicións de vida dos palestinos. Pero con independencia da posición a este respecto de EEUU e Israel, o primeiro obstáculo a salvar é a propia situación interna. Despois de que Hamas asumira o control da franxa de Gaza en xuño de 2007, Al Fatah fixo o propio coa beira oeste do rio Xordán, consumando a partición de facto de Palestina.

As diferenzas entre ambos persisten. O diálogo interpalestino previsto para o 25 de agosto no Cairo aprazouse novamente ata setembro, despois do Ramadán, pero sen unha data definida. Trátase do terceiro adiamento despois das seis roldas de diálogo celebradas dende febreiro, todas elas sen resultado ningún. Os dous cúlpanse mutuamente de selos responsables do fracaso dos esforzos de reconciliación.

Se os propios palestinos non son quen de deixar de lado as respectivas intransixencias estaranlle facendo o xogo a Tel-Aviv. Sen un acordo entre Hamas e Al-Fatah non poderá haber paz nin tampouco posibilidades de que calquera iniciativa ambiciosa, como a de Fayyad ou a que previsiblemente anuncie Obama en setembro como parte da nova estratexia da Casa Branca para Medio Oriente, poida asentar un novo proceso de negociación con perspectivas de éxito.

A proposta de Fayyad concreta outra vez as expectativas palestinas, pero a creación dun hipotético estado palestino segue rodeada de dificultades. ¿Poderase instaurar abarcando Gaza? ¿Aceptará este paso o Israel de Netaniahu e asumirá, por fin, a suspensión da construción dos asentamentos? O seu ministro de finanzas, Yuval Steinitz, xa adiantou que non hai lugar para decisións unilaterais nin ameazas da parte dos palestinos, lembrando que o primeiro a garantir é a seguridade de Israel. O resto, xa veremos.

Comentarios