San Simón inaugura unha semana adicada á memoria histórica

A Deputación de Pontevedra celebra durante estes días unha serie de actos adicados a homenaxear ás vítimas da ditadura franquista
Imaxe do acto, na Deputación de Pontevedra
photo_camera Imaxe do acto, na Deputación de Pontevedra

"A declaración de San Simón como Illa da Memoria supón darlle un recoñecemento para que todo o que alí sucedeu sexa coñecido pola cidadanía e para dignificar a loita das persoas e dos seus familiares que sufriron a represión". Con estas palabras explicaba o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a razón de ser da primeira das xornadas que a Deputación de Pontevedra celebrou este luns con motivo da Reparación da Memoria Histórica. Así, baixo o epígrafe San Simón. Illa da Memoria, proxectouse o documental Aillados da Asociación O Faiado da Memoria, que recolle testemuñas de como era a vida na illa cando foi convertida en campo de concentración e cárcere. Tras a proxección tivo lugar un pequeno coloquio no que participaron, ademais do deputado de Cultura e Lingua, Antón Caeiro, da Asociación O Faiado da Memoria e de Matías Rodríguez da Torre, da Iniciativa Galega pola Memoria, organización que impulsa a campaña para que San Simón acolla actividades relacionadas co seu pasado durante a guerra e a posguerra.

Na súa intervención, Antón Caeiro lembrou que a primeira versión de Aillados data de 1988 e que "nestes case 30 anos que pasaron, este traballo mantén vixente a súa importancia polas persoas que aparecen e polas súas testemuñas". A versión do documental que foi proxectada a tarde do luns é a máis recente, do ano 2001, que segundo explicou Caeiro "mantén toda a forza da versión inicial respecto do recoñecemento cara as persoas que padeceron a represión en San Simón e que nunca tiveran ningún tipo de voz". Aillados trata de difundir o que Antón Caeiro definiu como "as historias de San Simón, e abrilas a toda a poboación e darlle valor ás persoas que participaron para que sexan coñecidas e recoñecidas con dignidade".

Precisamente o recoñecemento do valor simbólico de ter sido cárcere e campo de concentración centra a campaña da Iniciativa Galega pola Memoria para que San Simón sexa declarada polo Goberno galego Illa da Memoria. Matías Rodríguez da Torre explicou que "posto que o Goberno da Xunta non ten políticas sobre a Memoria Histórica temos que promovela desde a sociedade civil". Neste sentido, lembrou que a Iniciativa Galega pola Memoria lanzou a mencionada campaña o pasado 16 de xullo para acadar que San Simón sexa recoñecida co nome Illa da Memoria e que "se realicen nela actividades de recoñecemento ás vítimas do franquismo e que, de realizarse outro tipo de actividades culturais, estas garden un respecto absoluto polo pasado simbólico da Illa", engadiu.

Matías Rodríguez insistiu en salientar o traballo das organizacións de todo o país agrupadas na rede de traballo da Iniciativa Galega pola Memoria. Rodríguez da Torre fixo un percorrido polos dous meses e medio que leva activa a campaña, que leva numerosas adhesións de persoas que gravaron vídeos apoiando e explicando a reclamación da IGM e máis de 3.000 sinaturas na plataforma change.org solicitándolle ao presidente da Xunta a mencionada declaración para a illa.

Comentarios