"Non sempre fan falta palabras"

O debuxante pontevedrés Santiago Paredes debuta co cómic 'Tattoo. Curtido na ilustración e no deseño, ademais de en bandas de punk e rock, presenta a a obra este xoves en Viñetas dende o Atlántico.
Santiago Paredes sinalando a portada do seu cómic, este mércores, nunha aula da Escola Bonobo
photo_camera Santiago Paredes sinalando a portada do seu cómic, este mércores, nunha aula da Escola Bonobo

Militante do underground, da estética das películas de serie B, da ciencia ficción retrofuturista "e do rock and roll por enriba de todo", Santiago Paredes (Tui, 1989) vén de publicar da man de Manel Cráneo, na editorial Demo, o seu primeiro cómic, Tattoo. Preséntao este xoves no salón da Coruña Viñetas dende o Atlántico, na caseta da editorial, ás 19.00 horas (e o venres ás 13.00). Nese mesmo espazo presentouse tamén  este xoves o volume colectivo Licor Café no que participa. Compoñente do grupo punk Glitter&Litter e mestre na escola Bonobo, Paredes é o responsable, entre outras cousas, da imaxe do festival Surfing the Lérez e do grupo Furious Monkey House. Ademais, vén de lanzar xunto á súa irmá Cecilia (que tivera La Casa Winchester) a marca de roupa Culebra (www.culebrastudio.com).

¿De onde sae a idea para Tattoo?

Tattoo naceu hai algo máis dun ano como proxecto de fin do master de Libro Ilustrado e Animación que fixen na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Eu intentei desenvolver aí un proxecto completamente pechado. Así que rematei un cómic, este cómic. Despois do máster, movino por algunhas editoriais sen conseguir nada, ata que hai uns poucos meses apareceu Demo Editorial, para ofrecerme participar nun volume colectivo, Licor Café e acabou publicando Tattoo.

No traballo non usou palabras. ¿Sobran?

Sabes que pasa? Que dende neno teño un problema con isto: non me sinto cómodo coas palabras. Prefiro debuxar que falar. Aínda non hai palabras, si que hai conversacións, diálogos e unha mensaxe. Non sempre fan falta as palabras.

Tattoo é unha historia de amor.

É unha historia de amor. Tamén de desamor. E cun final agridóce, como o dos mellores pratos.

"Ninguén me preguntou nunca en Belas Artes que me gustaba, cando o primeiro debería ser escavar no que tes dentro"

Para vostede as tatuaxes son algo especial. Non é só que leve moitas, é que no seu primeiro cómic unha tatuaxe desencadea a historia.

A tatuaxe sempre tivo algo moi atractivo para min. Esteticamente sempre me chamou moito, pero é que ademais forma parte dunha iconografía moi ligada ao rock and roll, que é un aspecto moi importante da miña vida. Parecíame un xeito interesante de ligar coa actualidade un arquetipo dos contos tradicionais, o do envelenamento, que aparece por exemplo na Bela Durminte. Un xeito de volver a esa tradición dende a contemporaneidade era a agulla de tatuar.

Segue debuxando e entintando a man como facía nos seus primeiros traballos?

Sempre. O único que non engado a man é a cor. O proceso de debuxado e entintado é o tradicional.

Por algunha razón particular?

Prefiro facelo así. Gústame máis. É a parte que nos queda de contacto coa materia e coa orixe do oficio.

"As princesas pódense acabar tatuando. Unha nena á que lle guste esa imaxe tradicional, nas miñas clases pode darlle unha volta"

Ás súas facetas coñecidas de ilustrador, deseñador e rockeiro, engadiu agora a de mestre de debuxo dos cativos que asisten á escola Bonobo. Cal é a lección máis importante que reciben os seus alumnos?

O primeiro que lles digo é que aprendan a buscar en si mesmos. Dicía Alejandro Jodorowsky iso de que todos somos un number one nalgo, só que hai que adicar tempo a descubrir en que. Así que o primeiro que intento, antes de meterlles información de fóra, é escavar un pouco no que xa teñen dentro. Precisamente esta é unha das cousas que máis botei de menos cando estudei Belas Artes. Ninguén me preguntou nunca que me gustaba. Chegabas a clase e sempre había algo predeterminado que facer: poñerse con tal ou cal proxecto, ler este ou outro libro... Pero ninguén nunca se parou a preguntarme que me gustaba a min de verdade. Eu intento facer o que nunca fixeron comigo: partir de que che gusta para intentar despois enriquecer ese mundo. Porque cando alguén empeza a ir a clases de debuxo é porque xa ten algo dentro, polo menos unha certa curiosidade, que serve para comezar a traballar.

Todo o mundo pode aprender a debuxar? Non lle chegou ningún alumno do que pensara que debuxaba mal?

Os nenos debuxan ben. Todos. Porque non teñen complexos á hora de facelo, algo que se vai adquirindo co tempo e que só nos preocupa aos adultos.

E se entra pola porta unha nena que é fan das princesas vestidas de cor rosa e dos unicornios?

Perfecto. As princesas pódense acabar tatuando. Esa nena está herdando unha tradición de séculos á que aquí pode darlle unha volta e descubrir toda unha nova iconografía.

Comentarios