A sardiñada de Portonovo supera as expectativas con 800 quilogramos repartidos

As festas de San Roque, que se celebran entre o 14 e o 18 de agosto, recuperan esta cita gastronómica despois de catro anos
Persoas degustando as sardiñas
photo_camera Persoas degustando as sardiñas

As festas de San Roque de Portonovo comezaron no día deste domingo, recuperando unha tradición de éxito: a sardiñada gratuíta no porto, ó lado da lonxa. Despois de catro anos, a Comisión de Festas deste lugar decidiu incorporar de novo á programación esta cita gastronómica, que superou todas as expectativas marcadas. A xente foi fiel e acudiu en masa para degustar un prato deste peixe, acompañado de viño e pan. As cifras foron esclarecedoras: 800 quilogramos de sardiñas e máis de 300 litros de viño consumidos, así como 1.000 tazas vendidas. 

A única condición para optar a este menú foi a compra dunha taza por 2,50 euros, podendo despois repetir as veces que quixeran, tanto de bebida como de comida. O presidente do comité organizador, Carlos Conde, explicou que a festa “foi unha invasión. O tempo favoreceunos porque non facía unha calor asfixiante e a xente tampouco marchou para a praia”. Reflicte que os números superan ós das edicións anteriores: “Ó principio tiña medo porque hai varios anos que deixamos de facela festa, pero ó final foi estupendo. Algo que contribuíu favorablemente foi a presenza de moitos turistas”.

Ademais das sardiñas, consumíronse máis de 300 litros de viño e vendéronse 1.000 tazas a un prezo de 2,50 euros

O evento xa contaba con grandes colas de persoas interesadas en degustar o menú ás 12.30 horas e, no porto, aínda quedaba xente pasadas as 15.15 horas da tarde. 

Esta só foi unha das actividades coas que se iniciaron estas festas de San Roque. Á partir das 20.00 horas, unha charanga actuou polas rúas e, despois das once da noite, tivo lugar unha queimada gratuíta e a denominada ‘Noite Meiga - Samaín’, todo isto amenizado pola Disco Móvil Dolce Vita. 

Este luns, ás 12.00 horas, produciuse unha misa solemne, así coma unha procesión na igrexa parroquial de Adina. Á noite, contouse cunha verbena na que as estrelas serán o orquestra Televisión e a actuación de Sabela.

Comentarios