A segunda edición da G-Night achega a ciencia á cidadanía con tres charlas en Pontevedra

O venres 30 de setembro 400 persoas participarán en toda Galicia nesta iniciativa coordinada pola Uvigo
Conferencia de prensa de presentación das actividades da G-Night. UVIGO
photo_camera Conferencia de prensa de presentación das actividades da G-Night. UVIGO

A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) congregou o ano pasado a máis de 6.000 persoas. Este ano, na súa segunda edición, a G-Night 2022 –iniciativa coordinada pola UVigo–, despregará máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico. Farao nunha trintena de localizacións, espalladas polas sete grandes cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

As rúas, museos, bares e praias das principais urbes converteranse o vindeiro venres 30 de setembro en punto de encontro do traballo que desenvolven as e os científicos coa sociedade, que terá a oportunidade de participar de xeito lúdico, accesible e gratuíto en obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos.

Entre persoal científico e técnico suman 400 persoas participantes na edición deste ano. Simultaneamente, celebrarase a G-Night en preto de 400 cidades europeas.

Actividade da G-Night do ano pasado. UVIGO
Actividade da G-Night do ano pasado. UVIGO

"Vai a haber un cambio no que se van a empezar a valorar este tipo e actividades de divulgación da ciencia para que a cidadanía saiba o que estamos a facer", dixo a vicerreitora da Investigación, transferencia e innovación da UVigo, Belén Rubio, na presentación das actividades da segunda edición. Rubido tamén aproveitou para agradecer o traballo desenvolvido por todas as persoas implicadas na organización da xornada e destacou o valor que este tipo de actividades xa teñen en Europa.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais, Mónica Valderrama, incidiu na importancia de que as actividade da G-Night permiten "achegar á cidadanía en xeral e aos cativos en particular conceptos que son máis abstractos, cunha aplicación máis directa e máis doada de comprender".

Actividades en Pontevedra

En Pontevedra, as e os investigadores da UVigo achegarán os seus coñecementos ao público a través de tres charlas que se desenvolverán en La Gramola a partir das 19.30 horas.

A combustión: moito máis que lume e gases é o titulo do relatorio que ofrecerá Juan Jesús Rico, do Grupo de tecnoloxía enerxética; mentres que José Carlos Ardao do centro de investigación atlanTTic ofrecerá unha charla titulada A intelixencia artificial que nos rodea. Pola súa banda, Olalla González, do Grupo de procesos de separación avanzada falará de Tecidos intelixentes: innovando na industria téxtil

Actividades en Vigo

A praza do Berbés –que entre as 18.00 e as 21.00 horas acollerá a expo-feira científica– será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo. O edificio Redeiras –que acollerá desde as 18.00 horas cinco charlas e un coloquio–, o café Vitruvia –onde se desenvolverán entre as 20.30 e as 22.00 horas tres charlas, dirixidas especialmente a público adulto– e o Porto –onde a partir das 16.00 horas haberá tres paseos científicos a bordo da embarcación de prospección Inndaga– completan as localizacións das actividades da Noite galega das persoas investigadoras.

Actividades en Ourense

As actividades da G-Night en Ourense comezarán no salón de graos do Edificio de Ferro do campus ás 18.00 horas con tres obradoiros sobre tres escrituras da Antigüidade.  A partir das 20.30 horas, o Café & Pop Torgal será o escenario de tres charlas que impartirán investigadoras e investigadores Grupo de estudos en traballo social.

Comentarios