Seis centros educativos galegos impartirán ensinanzas técnico-deportivas

Un total de seis centros educativos públicos da Comunidade galega impartirán ensinanzas técnico-deportivas nas modalidades ade fútbol, fútbol sala, baloncesto, balonmán e atletismo a partir do curso 2007-2008. Ata agora só se impartían as dúas primeiras, e en centros privados.

A modalidade de fútbol poderá cursarse no IES Cruceiro Baleares de Culleredo e no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. A de fútbol sala no IES As Lagoas de Ourense. Ademais poderase estudar baloncesto no Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, balonmán no IES A Guía de Vigo e atletismo no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.

Durante o próximo curso implantarase o ciclo medio destas especialidades, que dan acceso ó título de Técnico Deportivo na modalidade que corresponda, e o curso seguinte, o 2008-2009, implantarase o ciclo superior destas mesmas especialidades, co que se poderá conseguir a titulación de Técnico Deportivo Superior, con validez académica e profesional en todo o territorio nacional.

Probas de acceso
O período de inscrición para a admisión nestes estudos estará aberto ata o 8 de setembro, e as probas realizaranse entre o 17 e o 24 de setembro, segundo a especialidade.

Comentarios