Seis novos concellos beneficiáronse do Plan de Conservación Vial da Deputación

A Deputación de Lugo realizou novas melloras dentro do Plan de Conservación e Mantemento Integral da Rede Viaria Provincial. Desta vez, as actuacións foron realizadas na zona 7, que corresponde aos concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. Entre todos estes municipios suman máis de 320 quilómentros de trazado.


(As obras deron como resultado unha notable melloría destas vías / AEP)


Dende que comezou, a primeiros do mes de xuño, o Plan de Conservación e Mantemento Integral da Rede Viaria Provincial, a Deputación rematou as obras de acondicionamento das estradas en máis de 40 concellos da provincia.

Son municipios de toda a xeografía lucense entre os que se atopan tanto a zona da costa, como da montaña, o interior ou a Terra Chá. Deste xeito xa se acometeron melloras en concellos como Burela, Cervo, Vilalba, Muras, Xermade, Ribadeo, Foz, Lourenzá, Cospeito, Castroverde, A Pastoriza, Monterroso, Guitiriz, Samos, A Fonsagrada, Becerreá, Pantón, Sober ou Bóveda, entre outros.

En total, estes municipios suman algo máis de 2.455 quilómetros de estradas provinciais, o que vén sendo o 60% da extensión de titularidade da Deputación.

ACTUACIÓNS
A firma quiroguesa Excavaciones Goñi foi a encargada de executar os traballos na zona 7, que consistiron maiormente no rebacheo das estradas e na realización de regos asfálticos con aglomerado quente para mellorar as condicións do firme. Así mesmo, tamén se realizaron outro tipo de accións como limpeza de cunetas e viais, retirada de desprendementos, traballos de atención á vialidade invernal, seguridade vial,etc.

O orzamento destas actuacións de mantemento e conservación vial na zona 7 ascende a 380.000 euros máis IVE.


Os traballos do Plan de Conservación e 
Mantemento da Rede Viaria da Deputación prolongaranse ata o mes de agosto co fin de mellorar as comunicacións nos 67 concellos da provincia. Un total de 50 operarios e 32 máquinas levan dende xuño traballando para acondicionar as estradas da provincia.

(Realizáronse todo tipo de accións de conservación e mantemento das estradas /AEP)

O Plan de Mantemento e Conservación Integral da Rede Viaria da Deputación supón un importante esforzo por parte do organismo provincial que inviste nestas actuacións 5 millóns de euros.

A rede viaria provincial é a máis extensa de España cun total de 4.200 quilómetros de estradas. Con este plan de acción, a Deputación actuará na totalidade da rede con intervencións en máis 3.200 quilómetros.

Comentarios