La senda que une Campelo con la Seca se terminará a principios de 2017

A tenente de alcalde, Chelo Besada, confirmou que as obras da segunda fase do proxecto comezaron esta semana
Obras preto da praia
photo_camera Obras preto da praia

As obras para rematar a senda litoral que unirá Campelo coa Seca comezaron a principios desta semana, segundo confirmou a tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, que augura que o prazo de execución dos traballos será de tres meses, polo que os veciños de Poio poderán gozar deste camiño a principios do ano que vén. "Para os inicios do ano 2017 xa estará feito; trataríase de que xa estivera no Nadal, pero paréceme un pouco cedo. Para xaneiro si que pode estar rematado", declarou.

Besada explicou que "a senda vai en terra batida, entre dous marcos de madeira", polo que os obreiros están procedendo a delimitar o terreo, a eliminar a broza existente e a "ordenar o traballo para poder comezar xa a execución".

A Dirección Xeral de Costas, que é o organismo encargado de realizar estas tarefas, tamén se fixo cargo de levar a cabo a primeira fase do proxecto. O tramo inicial rematouse en agosto deste ano e comprendeu o treito establecido entre a praia de Campelo e o areal da Ostreira. Despois disto, os compoñentes do Goberno local continuaron coas tarefas necesarias para a cesión dos terreos: "Estivémoslle pedindo as autorizacións ós propietarios e puxemos un aviso solicitando que se había donos cos que non nos poñíamos en contacto, foran eles os que se dirixiran a nós. En principio non houbo ningún problema neste labor".

En xeral, trátase dun sendeiro litoral que cando estea rematado contará con diversos espazos e miradores para poder observar as aves da enseada da Seca, que contan cun alto valor ornitolóxico.

Comentarios