A senlleira vida de Paz Andrade

 

Valentín Paz Andrade naceu no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898. Comezou a interesarse pola literatura e a cultura galegas da man do seu tío Xoán Bautista Andrade, quen lle presentou a Castelao. En 1917 iniciouse nos estudos de Dereito en Santiago e formouse no movemento galeguista.

Dirixiu o xornal Galicia (1922-1926), editado en Vigo e que logo sería clausurado pola ditadura de Primo de Rivera.

En 1930 foi nomeado presidente do Grupo Autonomista Galego en Vigo e militou no Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes de 1931 con Castelao e Cabanillas pero non saíu elixido deputado debido a unha fraude electoral promovida polo Partido Radical. En xuño dese mesmo ano colaborou con Lois Tobío, Vicente Risco, Alexandre Bóveda e Carballo Calero na redacción dun anteproxecto do Estatuto de Galiza. En decembro constituíuse oficialmente o Partido Galeguista en Pontevedra e foi nomeado conselleiro.

Co estalido da Guerra Civil axudou a fuxir a diversos intelectuais galeguistas, o que o levou en numerosas ocasións ao cárcere e a períodos de desterro. Presentouse como candidato ao Parlamento pola circunscrición de Pontevedra. En 1942 dirixiu e fundou a revista Industrias Pesqueras. En 1945 organizou o Parladoiro do café Alameda en Vigo, onde se reu-nía con intelectuais e artistas.

Na revista La Noche publicou en 1950 un artigo sobre Castelao, que morrera unha semana antes. A revista foi expedientada por incumprir as normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento da noticia e pechada dúas semanas despois. Tamén neste ano pronunciou varias conferencias en Bos Aires, invitado polo Centro Galego. E xestionou desde Vigo a Mostra de Pintores Galegos que se celebraría en Bos Aires en 1951.

En 1957 foi detido e encarcerado pola publicación dun artigo en Industrias Pesqueras no que criticaba o comandante militar da Marina de Vigo. En 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega.

Nos 70, Paz Andrade foi designado representante galego na Junta Democrática creada en París, e no 1976 entrou a formar parte da Comisión Negociadora da Oposición Democrática, ata a súa disolución. Un ano máis tarde foi elixido senador pola Candidatura Democrática Galega nas Cortes.

No 1978, ingresou na RAG e finalmente morreu o 19 de maio de 1987. Avogado, xornalista, político e home de empresa, recibiu numerosos premios e galardóns. Xamais renunciou á súa ideoloxía e conviccións. Formou parte do galeguismo histórico, no que tivo unha gran significación política. O seu labor social e empresarial convertérono nunha das máis relevantes figuras de Galicia e sobre todo, de Vigo.

A SÚA OBRA

Ademais dos seus numerosos artigos xornalísticos, como xurista Paz Andrade mostrou a súa preocupación pola realidade socioeconómica galega en obras como Galicia como tarea, La marginación de Galicia ou Sistema económico de la pesca en Galicia. Tamén publicou obras de poesía como Pranto matricial e Sementeira do vento. Mostrou a súa preocupación política en O modelo federal para a constitución do Estado galego e publicou a biografía máis importante que existe sobre Cas-
telao, titulada
Castelao na luz e na sombra.

Comentarios