Señoras que non as pillan

Sempre se dixo que as mulleres teñen un sexto sentido, calidade que tamén é válida na versión máis pop de que as mulleres son as da intuición como Shakira dixit. Pero agora, será polo cambio climático, semella que gran parte delas están perdendo esta capacidade a cambio de pasar o día xogando á pita cega en modo eu non fun nin sei quen foi.

Cos ollos tapados a verdade é que non se perde un sentido, pérdense dous, o de ver e o de deixar de ver o que unha non quere. Estou convencido de que hai homes que pagarían para que as súas donas deixasen a intuición repousando na mesiña de noite aínda que o sol brille ben fóra, mentres que eles van ao fútbol ás agachadas cando en teoría están na casa dos pais, se emborrachan coma cans cos colegas da universidade cando deberían estar nunha cea de empresa ou simplemente se meten entre saias alleas cando na oficina a mesa xa non soporta máis papeis enriba.

Pero hai, porque habelos hainos, homes que rouban cartos a feixes, compran casas e chalés inalcanzables cos seus salarios, levan códices e envólvenos nun garaxe, meten o lixo para dentro en modo cachuli e elas, pobriñas, nada, aí vendo a vida pasar... Díxome un día un amigo que el ben sabía que os cartos non dan a felicidade, pero que el prefería chorar nun Ferrari. Visto así, enténdense ben o destas todas, aínda que iso lle pode suceder a quen considera que para ser feliz importa máis o Ferrari que andar coa cabeza ben alta por ser honrado, barra honrada. 

Comentarios