'A señorita Bubble', a homenaxe de Ledicia Costas ás inventoras

A escritora publicou un relato cargado de fantasía e marcado pola estética 'steampunk'
A señorita Bubble
photo_camera A señorita Bubble

A escritora Ledicia Costas presentou este venres en Vigo a súa nova obra A señorita Bubble, un relato cargado de fantasía e marcado pola estética steampunk que se erixe nunha homenaxe ás mulleres inventoras que, "como ocorre en moitos outros ámbitos, foron invisibilizadas ao longo da historia".

Costas mostrou o texto, dirixido a nenos de dez anos en diante, nunha abarrotada libraría da cidade olívica, Cartabón, onde estivo acompañada polo editor de Xerais, Manuel Bragado, e por dúas das súas seguidoras, Iolanda Veloso e a súa filla, Icía Roca, que avanzaron algúns aspectos desta historia durante un faladoiro coa autora.

Para falar sobre a diversidade, a ciencia, a loita contra a ignorancia e, en definitiva, sobre "a forma de conseguir a felicidade", segundo relatou Bragado, o libro céntrase nun personaxe feminino, Bubble, unha inventora que aparece por sorpresa nun pobo, e nas irmás Sofi e Noa.

A señorita Bubble é unha homenaxe a diferentes escritores e cineastas como Julio Verne, Tim Burton ou Roald Dahl, e reflicte algunhas das "fixacións" que acompañaron a Costas durante a súa vida, como a súa "obsesión polas chemineas e a idea de que o fume que sae delas é consecuencia das mentes pensantes que hai dentro da casa".

A escritora narrou esta historia e outras anécdotas durante un acto no que non faltaron as pompas de xabón e as risas dos nenos presentes, e onde se falou da mecánica, os experimentos e outros aspectos sobre os que os relatores foron máis recelosos para non caer no spoiler.

Os máis pequenos puideron descubrir, por exemplo, que a imaxe "mafiosa" que se lle dá ao profesorado no texto correspóndese cun episodio que marcou a Ledicia cando era nena e a responsable da biblioteca do seu colexio castigouna sen ler por non retornar un libro a tempo.

Ademais, a escritora revelou que as ilustracións de Andrés Meixide tiveron grande importancia á hora de matizar aos personaxes de A señorita Bubble.

En concreto, que una das protagonistas sexa unha nena de cor foi idea do debuxante xa que, como explicou Costas, este personaxe, Sofi,"baséase na miña irmá, do mesmo xeito que Noa baséase en min", co que o ton da súa pel foi unha idea que xurdiu a posteriori e coa que se manifesta "encantada".

Iolanda Veloso e Icía Roca trasladaron a súa opinión sobre o libro e a primeira enxalzou que o centro da historia se base "en dúas nenas, o que nos fai ver aos maiores o adultocentrista que é o mundo".

Durante a presentación, Manuel Bragado celebrou que a tempada literaria en Vigo se inicie con esta obra que supón "unha nova rama" na traxectoria de Ledicia Costas, unha "escritora árbore que xa conformou un moi frondoso que proporciona frescura" á literatura infantil e xuvenil galega.

Comentarios