Shakespeare con satoque galego

Unha compañía galega levou a Shakespeare ao Festival de Edimburgo. Levou unha alternativa de relato. En ‘Lady Shakespeare’, o dramaturgo pasa a bufón e a raíña Isabel pasa a autora. Con ese cambio ficcional as mulleres da obra escrita e dirixida por Lois Blanco e protagonizada por Paula Blanco son os personaxes de Shakespeare con outra voz, falando desde outro punto do mapa
Waiting for Romeo
photo_camera Waiting for Romeo

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O PRIMEIRO é o diñeiro». É unha sentenza de J.P. Koala para un cento de persoas que o rodean nunha histórica rúa de Edimburgo. J.P. Koala non é un dillei de vodas, é un comelume australiano que por cada segundo que mete o lume na boca fala media hora. Koala é un artista de rúa e precisamente por iso o diñeiro ten que ir por diante. O comelume está na rúa máis céntrica do Festival de Edimburgo e, en certo sentido, forma parte da paisaxe estival da capital de Escocia.

Calcular cantos espectáculos poden verse en Edimburgo durante o festival é como calcular canto diñeiro ten Amancio Ortega: hai unha cifra pero está fóra da comprensión cotiá. Dinche o número con todos eses ceros arredondados e aínda que sabes que é moito, moito, moitísimo, non te fas idea de canto significa de verdade. Non tes cabeza, por iso Inditex ten tantos contables. Edimburgo celebra ao mesmo tempo dous festivais escénicos, o Festival Internacional e o Fringe. O primeiro aporta o prestixio e o segundo as cifras. O Fringe ofreceu este ano, en vinte días, máis de cincuenta mil funcións de 3.200 obras. A idea é que cada día hai 130 espectáculos que un espectador pode ver.

No medio de toda esa sobreoferta, no medio dos incontables monólogos de comedia, de compañías con algunhas caras familiares para o público británico e de compañías que debutan tentando vender algunhas dos máis de tres millóns de entradas que facturou o Fringe este ano, hai unha compañía galega cun nome inglés que xa descobre algunhas das intencións. Lois Blanco e Paula Blanco son a liña frontal de Who Are You William. E ese William é o William de toda a vida ao que só lle falta ser escocés.

Lois Blanco e Paula Blanco, autor e director e única actriz do espectáculo, xogan coa biografía de William Shakespeare que, como case toda a cultura inglesa, ten tanto de relato como de historia. Danlle unha voltiña á vida do escritor e tamén lle dan unha (pequena) volta á historia de Inglaterra porque sobre o escenario do Paradise in Vault onde actúa a compañía galega, a raíña Isabel podería ser a autora das obras de Shakespeare e de toda a carga que levan os personaxes femininos de quen capitalizou o teatro isabelino. En certo sentido, eses personaxes femininos, de Lady Macbeth a Ofelia, teñen un eco na biografía da raíña inglesa e esas correspondencias entre unha vida real e uns personaxes tan dotados de impulsos reais poderían querer dicir que o que unha raíña non pode dicir na cara pode dicilo no escenario. E Shakespeare? Existe tamén na ficción de Lois Blanco, é un bufón. E aínda que teña a lóxica literaria de Falstaff ou Yorick, o director advirte que o público escocés quedou algo sorprendido por ese cambio de roles. Pola idea de Shakespeare como pantalla ou pola idea de que se a raíña Isabel favoreceu o teatro foi porque as obras eran súas.

Lady Shakespeare é o título da montaxe con que a compañía galega aparece en Edimburgo coa intención de chegar ata o centro da cultura occidental. Chega pola vía de recolocar a ficción da vida de Shakespeare, de poñela en relación coa raíña e de ir cosendo os personaxes femininos á vida de Isabel, buscando en cada un deles un antecedente, unha causa vital que xustifique tanto coñecemento das cousas humanas como parecen expresar. Os personaxes van e veñen, gardan un sentido da relación entre eles e, quizais, por tras desa relación permaneza a idea de que Shakespeare —ou para este caso a raíña Isabel— escribía sobre distintos personaxes coas mesmas motivacións. As caras, a vestimenta, as circunstancias cambian. Pero as motivacións son sempre as mesmas. É iso o que fai decisivo e universal o asunto. Porque as motivacións dos personaxes non son as deles. Nin as que corresponderían cunha raíña ambiciosa ou unha noiva ofendida, nin cun rei cruel, nin con quen esixe o pago dunha débeda. As motivacións dos personaxes de Shakespeare son as nosas. É iso o que nos obriga a mirar. Entender, só por veces.

Mentres Paula Blanco se debate neses saltos entre personaxes, entre o bufón que chama a atención e as mulleres que padecen as frechas da condición feminina, o Fringe está moito máis orientado ao entretemento. O festival non se vai comportar de maneira diferente á sociedade e o que manda na carteleira de Edimburgo en agosto son as comedias. En cuestións estatísticas, no Fringe, mandan o pequeno formato e o sentido do humor. Mandan os números porque o festival é unha maquinaria orientada a deixar cartos na cidade, máis incluso que a manter a Edimburgo entre os principais festivais escénicos do mundo. Pero o primeiro é o diñeiro.

Comentarios