Shemekia Copeland, Eugene Bridges e Vijay Iyer actuarán no Festival de Jazz e Blues

PONTEVEDRA. "Dúas noites de blues e dúas noites de jazz. Repetimos a estrutura que vén sendo habitual nos últimos anos do festival", anunciou onte o coordinador do Festival de Jazz e Blues de Pontevedra, José Antonio Ortiz. Shemekia Copeland (venres 19 de xullo), Paco Charlín (sábado 20), Eugene 'Hideaway' Bridges (domingo 21) e Vijary Iyer (luns 22) son as estrelas que compoñen o cartel de actuacións, con entrada de balde, que se celebrarán na Praza da Ferrería (22.30 horas), "no que é o segundo festival de jazz máis antigo de Galicia e o único de blues do Oeste do Estado".

As actuacións abriranse co prato forte da programación, "a que é a día de hoxe a primeira cantante de blues do mundo", segundo Ortiz: Shemekia Copeland. "Curiosamente a primeira actuación que realizou esta artista foi hai trece ou catorce anos no Teatro Principal de Pontevedra, onde ofreceu un concerto realmente marabilloso, memorable". A intérprete, filla do lendario guitarrista de blues de Texas, Johnny Clyde Copeland, foi teloneira dos Rolling Stones e cabeza de cartel no Chicago Blues Festival. Foi unha das estrelas que participou na serie 'The Blues', que producíu Martin Scorsese, e actuou na Casa Branca ante o presidente Obama. O seu último disco, '33 1/3' estivo nominado aos Premios Grammy.

Galicia

"A aposta polos músicos galegos dentro do festival é este ano máis evidente que nunca", dixo na presentación do evento, a concelleira de Festas, Carme da Silva. A incorporación do contrabaixista arousán Paco Charlín ás estrelas que actuarán na Praza da Ferrería confírmao. "Era o último gran representante do jazz galego que nos faltaba por actuar no escenario principal", confirmou José Antonio Ortiz. Charlín actuará o sábado 20 acompañado por unha banda galego-portuguesa e norteamericana.

O blues volverá ao día seguinteao festival da man de Eugene 'Hideaway' Bridges. Nacido en Nova Orleans e emparentado con Tina Turner, "a súa actuación promete ser unha das grandes sorpresas desta edición, na liña da que foi a de Sharrie Williams en 2012".

O festival pecharao o luns 22 o concerto do pianista estadounidense de orixe hindú Vijay Iyer, "un auténtico superdotado e toda unha sensación no jazz actual", explicou o coordinador das actuacións. Ten publicados 16 discos como líder, algún como 'Historicity' multipremiado e nominado ao Grammy, e está licenciado en Matemáticas e Física por Yale.

Comentarios