Si,quero

Non foi, aínda que se asemelle, un compromiso de casal. Foi a resposta que a cidadanía votante deste país deu á pregunta: “Queres que volvan?” feita no trazo final da campaña electoral polos sesudos pensantes do PSdeG.

E a pregunta en cuestión foi o suma e segue dunha campaña electoral malísima, pésima, carente de contidos e sobrada de autoencumiamentos que levaron a cabo as dúas forzas que por poucas semanas xa, sosteñen aínda o goberno da Xunta. O PP non é que a fixese moito mellor, pero si xogou dúas bazas que lle deron bos réditos: baixar ao chan a falar con e escoitar á xente dunha banda, e da outra, xogar ao suxo xogo da descualificación manipulando e terxiversando datos e mesmo imaxes; coa inestimábel colaboración dese xornal que non só é número un en vendas en Galiza, senón que agora tamén foi número un en practicar ese xornalismo bazofia e preeiro que tan de moda está pola capital do Estado.

Porque se algo quedou claro logo destas eleccións, é que Galiza é un país agora mesmo moi bipolarizado no eixo esquerda-dereita, e que xa que logo, o fiel da balanza pode moverse dunha beira a outra con só que se modifiquen certas variábeis.

Os datos non deixan lugar a dúbidas: nestes comicios, os votos do PP foron só 9.603 máis dos que recibiron PSOE e BNG xuntos. Hai, daquela, unha serie de votantes “desideoloxizados”, que son os que á fin e á postre poden acabar decidindo o signo político do Goberno que se xoga nas urnas.

E a batalla por eses votantes está clarísimo que foi para o Partido Popular: Foron, se cadra, os/as mesmos/as cidadáns que pedían un cambio que no 2005 simbolizaba Touriño, non tanto pola súa imaxe como polo que esta significaba de pór fin ao fraguismo; e que neste 2009 simboliza Feijoo diante dun bipartito que non deu sensacións de cambio en moitos eidos, e que non soubo responder en absoluto ás inquedanzas dos/as votantes diante desta xeira de crise que nos asolaga. Claro, con esta pobre bagaxe, se aínda por riba preguntas “Queres que volvan?”, o normal é que che respondan, con olliños de noivo/a namorada/o: “Si, quero”.

Agora está por ver o que fai Núñez Feijoo nos catro anos de mandato que lle (nos) agardan. O peor é que, por rillar uns cantos votos, aferrouse ao cravo ardendo da confrontación lingüística aventada polos corifeos locais de grupos mediáticos alleos a esta terra, e as súas declaracións neste senso logo da súa vitoria non fan presaxiar nada bo.

E debería o futuro presidente aprender do pasado e lembrar que houbo un señor que no ano 2000, logo de catro anos de dar unha imaxe de home dialogante (cos nacionalistas, cunha ETA en tregua), e mesmo de tomar medidas progresistas como a supresión da “mili” obrigatoria, acadou unha maioría absoluta contundente. Pero el debeu crer que dito respaldo se debía a que, de súpeto, os seus cidadáns reviraron en dereitosos até a médula, e que iso lle daba lexitimidade para montar guerras ou instaurar aquel nefasto “pensamento único”.

E acabou pagándoo cunha derrota de efectos prolongados. Daquela, cóidese o señor Feijoo de matinar que a súa maioría absoluta significa que este pobo de súpeto revirouse en dereitoso madrileño de Chamberí. Se no eido lingüístico, ou en calquera outro, se dedica a gobernar para os fachas madrileños no canto de para o pobo galego, vaise ver envolto en leas absurdas, amén de ostentar a triste marca de ser o primeiro xefe de comunidade con lingua propia (incluídas as gobernadas polo propio PP) que recúa nos avances (mini-avances) acadados até o de agora na normalización da mesma.

A vostede, señor Feijoo, colocouno no poder unha crise galopante, unha campaña electoral de inútiles por unha banda e de tahúres pola outra, e pouco máis. Non caia en erros pasados, ou pode rematar pasando a vasoira nos corredores de FAES.

Comentarios