miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

Soa música no Museo de Pontevedra

Un momento do recital musical que tivo lugar onte no Sexto Edificio. alba sotelo
Un momento do recital musical que tivo lugar onte no Sexto Edificio. alba sotelo

PONTEVEDRA. Notas musicais ciscadas polo Museo Provincial de Pontevedra. Un recital musical no Sexto Edificio serviu para inaugurar onte a exposición ‘Galicia, terra de músicos’, que se poderá visitar ata o 16 de marzo no Edificio Sarmiento. Trátase dunha mostra que reúne máis dun cento de fotografías, partituras e documentos do proxecto de recuperación do patrimonio musical galego, que coordina a pontevedresa Milagros Bará a través de Internet.

«Cando fixen a páxina de Manuel Quiroga hai dous anos, no 50º aniversario do seu falecemento, decateime de que non existía en Galicia ningún arquivo, ningunha iniciativa, que ordenara e documentara imaxes e outro tipo de material sobre o patrimonio musical recente», conta Bará. «Foi así que abrín unha páxina en Facebook para intentar coordinar a xeito particular un proxecto que recompilase información sobre a historia non escrita da música galega a través de achegas particulares». En catro anos reuniu máis de 3.000 documentos, fundamentalmente dos séculos XIX e XX, «moitos deles practicamente descoñecidos, cando non inéditos», sinala.

Algúns exemplos son imaxes que se atopan na exposición de Antonio Iglesias Vilarelle ou de Manuel Quiroga, do acordeonista de Salcedo Manuel Pintos ou do violinista Francisco Clapés, xunto a partituras orixinais, por exemplo, do compositor pontevedrés Felipe Paz Carbajal.

Alvarellos

A mostra, que se completa con fondos do propio Museo Provincial como a zanfona de Perfeito Feijoo ou a vocalina de Severino Pérez (Cotobade século XIX), tamén inclúe «auténticas xoias» como os instrumentos orixinais que empregaban Os Trintas de Trives (unha lenda da música popular galega) ou unha fotografía do lucense Xoán Montes xunto ao seu orfeón, que pertence ao arquivo fotográfico da editorial Alvarellos.

Organizada por provincias e cos materiais distribuídos por temáticas, que van desde a música clásica ou culta á popular, a mostra inclúe códigos QR, que lle permiten ao visitante, a través do teléfono móbil, ampliar a información sobre autores, partituras, fotografías, instrumentos e outros aspectos da exposición.

«A modo de exemplo, a imaxe dun gaiteiro de Pontevedra permitiralle acceder a un amplo álbum de fotografías doutros gaiteiros da comarca; noutros casos, poderá acceder á páxina web dun proxecto ou dun autor, e así sucesivamente», explica a Deputación.

Esta escolma de imaxes, partituras, documentos, instrumentos e testemuños escritos e sonoros, exemplo do traballo de recollida de material que vén realizando Bará, é a segunda gran mostra do ano para o Museo, trala de ‘As xoias e o seu reflexo’.

As seguintes exhibicións que prepara a institución museística pontevedresa son unha da colección da Fundación Camilo José Cela, ‘A rebotica da arte’, que se inaugurará o 14 de febreiro, e unha antolóxica da escultora de Silleda Elena Colmeiro, que se abrirá ao público o 4 de abril.

Soa música no Museo de Pontevedra
Comentarios