Sol!

Poida que non sexan estes días para falar do tempo. Coa que está caendo. Seica non están as cousas como para empeñar unha columna cantándolle a Lorenzo. Tan preciso, cobizado, desexado. Pero hai uns días alguén me confesou que lle quedara o corazón algo destemperado pola chuvia que leva caído sobre as pedras e ata as palabras. Así que na véspera da efeméride da Muller, con todo o que temos por reivindicar, cando vimos de coñecer a ridícula pero necesaria boa cifra da evolución do paro e debatemos como conxugar inmigración e solidariedade nas nosas fronteiras non teño máis argumentos que un ceo despexado. Que onte por vez primeira desde o outono puidemos contar estrelas. Que onte, por vez primeira desde xa nin lembro, sentimos a calor do sol quecendo lene nas meixelas. Que onte colgamos a chaqueta do brazo camiño do traballo e ata demos un pequeno rodeo coa ollada ben alta para que os raios encarnaran alomenos un pouquiño as peles brancas do inverno. Precisabamos un pouco de luz. Para sorrir. Para saír a correr. Para pasear polo parque malia os charcos de lama. Para sentirnos máis vivos ou para vernos a cara, sen máis. Se ata as murgas soan hoxe con máis forza. Mañá festexaremos o 8 de marzo con máis ganas e faremos novos plans e outras columnas. Pero hoxe só cómpre abrir a ventá e deixar que entre, por fin, o sol.

Comentarios