Som do Galpom fai cacarexar a súa ‘Galinha de Troia’

Os tres rapaces de Som do Galpom actuando onte na libraría. david freire
photo_camera Os tres rapaces de Som do Galpom actuando onte na libraría. david freire

PONTEVEDRA. De xira por librarías de Galicia é como decidiu rematar 2013 o grupo compostelán Som do Galpom, que este ano publicou o seu segundo disco, ‘Galinha de Troia’. Reivindicando a importancia das letras das súas cancións ao tempo que procuran novos escenarios para relacionarse co público, tres dos integrantes da banda compostelana, os seus líderes, os irmás Bassave, Gael e Brais, e Javier Miranda, chegaron onte á Libraría Paz de Pontevedra para falar deste último traballo e interpretar ao vivo algún dos seus temas. Máis ou menos foi o que xa fixeron na Libraría Couceiro de Santiago e na Cartabón de Vigo ao longo desta última semana.

Tras case un ano de traballo, Som do Galpom, un grupo fundado no ano 2005 na Moniña (Biduído, Ames), onde seguen tendo a súa base de operacións, lanzou ‘Galinha de Troia’, no que volven mesturar o rapeado con música funky e folk. O traballo, que foi producido por Javier Abreu, está composto por nove temas marcados pola crítica social.

Som do Galpom irrumpiu na escena musical galega en 2008 co disco, ‘Em Terra de Ninguem’, que gravaron tras gañar o II Certame Nsaio no Camiño.

Comentarios