A sombra do Brexit é naturalmente escénica

Inglaterra só ten dúas cousas verdadeiramente universais. The Beatles e Shakespeare. Nesta orde. O resto son particularidades das que os ingleses presumen. Desde non usar o sistema métrico ata conducir pola esquerda. Desde o teatro ata os parlamentos, eles queren ser eles con esa cousa fea da raia diplomática nos traxes

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

WILLIAM Shakespeare xa advertiu que a vida política en Inglaterra era tormentosa e con moita tendencia ao asasinato. Antes ao físico e agora ao político. O dramaturgo non é tan variado en suicidas porque, de habelos, aparecería algún que serviría como referente a este Cameron que queimou o pelo do flequillo mentres tentaba prender un cigarro. Todo está advertido en Shakespeare e unha vez en The Globe un actor fixo de xudeu con tanta naturalidade que algúns dos guiris das entradas máis baratas pensaron que o era. O importante do caso non é que John McEnery interprete un vello negociante que esixe o pago dunha débeda con todo rigor, como o norte de Europa se pon farruco co sur. No que hai que reparar é en que a distribución dese teatro que foi propiedade do dramaturgo se corresponde coa idea de que o Reino Unido ten a democracia máis vella do mundo.

En termos económicos, o teatro no Reino Unido é infinitamente máis caro que en Galicia. Aínda que a libra se deprecie. En termos artísticos unhas veces é infinitamente máis caro e outras é infinitamente máis barato aínda que o prezo da entrada sexa prohibitivo. O teatro en Londres é máis caro que no resto do país e quizais o máis caro de Europa se o Reino Unido tivese estado algunha vez en Europa.

Shylock é xudeu, así que a interpretación tradicional desde o mesmo Shakespeare en diante é que a burla e o roubo que padece debe a esa condición

Unha mañá de xuño o sol tímido que ten a capital financeira do mundo ilumina a metade do círculo que é The Globe. O escenario ocupa unha cuarta parte da circunferencia e para este Mercader hai unhas pasarelas que permiten aos actores entrar máis entre o público. McEnery fai de Shylock e aínda que unha parte da crítica británica lle vai dar unha tunda á súa interpretación ata cualificala de anémica, o actor inglés fai que o seu personaxe esixa a débeda con toda a seguridade dunha chanceler alemá. El prestou os cartos e debe cobrar a garantía ofrecida. A garantía eran unhas libras de carne do corpo de quen pediu o préstamo. Shylock esixe con toda a consecuencia dun contrato firmado. Pero Shylock e a súa vestimenta de home austero son xudeus, así que a interpretación tradicional desde o mesmo Shakespeare en diante é que a burla e o roubo que padece o personaxe se debe a esa condición. Pero hai máis. 

McEnery non fixo carreira no cine nin nas series británicas. Estivo no Romeo e Xulieta de Zeffirelli e ese si que é un pecado imperdoable. O actor que deu algunhas réplicas no Wallander británico atravesa a plataforma antes de facer dicir ao personaxe esas famosas palabras que Billy Wilder recolocou tan exactamente en Ser ou non ser. Shylock pregunta: "non temos os xudeus mans, órganos, sentidos, emocións, paixóns?... / ... se nos cortan, non sangramos? se nos fan, cóxegas non rimos? Se nos poñen veleno, non morremos? E se nos fan dano, non habemos de vingarnos?". 

É verdade que o actor deita as palabras con frialdade, lonxe da vella retórica actoral que o obrigaría a estar nun momento de alta tensión. Pero McEnery ou o seu director acertaron porque Shylock non está emocionado, está botando as contas do distinta que é a vida para uns e para outros. Non quere impresionar os seus agraviadores, quere que calculen que a vinganza é patrimonio universal. É paradoxal que os británicos, tan coñecidos pola súa distancia, entenderan isto como anemia actoral. 

O Reino Unido, con Inglaterra no seu centro, presume de ser a democracia máis vella da historia. Dependerá do que se entenda por democracia. É verdade que de todos os países ese reino é que o ten un contrato social en vigor desde máis antigo. Esa estabilidade, que tanta bandeira é por aquí cerca, foise mantendo na Gran Bretaña pola vía de asasinatos reais, exportacións dos conflitos ao resto do mundo e cos eventuais levantamentos da clase baixa cando a vida aperta moito. O sistema de clases británicos debe ser un dos máis clasistas do planeta. Pero vendo como sobrevive o seu sistema operativo ten que ser un dos máis adaptables. 

En The Globe as entradas máis baratas son para estar de pé, sobre o patio central do edificio e, se chove, podes mollarte ou marchar. McEnery dirixe o seu personaxe a todo o mundo. O mesmo para os que teñen as entradas baratas como para quen pagou tres ou catro veces máis nos asentos a cuberto. Pode ser o que dicía Churchill, a menos mala de todas as formas de organización posible. 

Pero o seu personaxe non. O seu personaxe pregunta sobre a vinganza a xente que é dunha clase social moi por riba da del. Shylock pregunta a esa nobreza que pide prestado diñeiro para facer festas se en realidade non están obrigados a cumprir a súa parte do contrato. Se a súa condición de xente poderosa os exime de cumprir co contrato social. Esa é a pregunta: se queren quedar con todo non haberemos de vingarnos?

Comentarios