Sonia Delaunay. Arte, deseño e moda

A mostra que se lle adica á artista ucraína Sonia Delaunay no Museo Thyssen permite a descuberta dunha artista global que fundiu a moda coa pintura dun xeito anovador

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

VISITAR UNHA exposición no Museo Thyssen convértese en toda unha descuberta. Nun feliz achegamento a algún rexistro da arte tratado sempre dun xeito renovador e diferente. Tanto pola temática que se elixe, como, sobre todo, pola vertente sempre didáctica e anovadora que se escolle xunto as súas acaídas montaxes, achegarse ás exposicións temporais que organiza o museo madrileño sempre deixa unha saborosa lembranza que se prolonga no tempo.

Deste xeito é do que nos podemos achegar á mostra que ata o 15 de outubro pódese ver na pinacoteca adicada a Sonia Delaunay. Aí teñen o primeiro éxito, a escolla da artista, dunha muller á que nunca se lle adicou unha exposición individual, si ao carón do seu marido o tamén artista, Robert Delaunay. E é que a exposición se algo reflicte é o enorme potencial creativo desta muller nun deses tempos eternos nos que as mulleres neste ámbito eran poucas, ou polo menos a historiografía máis oficial fixo que poucas delas fosen ben coñecidas. O segundo suceso é o tratamento que se fai da súa obra, orientado máis aló da súa faceta pictórica, pola que é máis coñecida, dirixíndose ata un territorio no que foi unha auténtica pioneira, como o do deseño artístico e a moda, ademais de concentrar a exposición nun periodo fundamental para o seu desenvolvemento creativo e que tamén significou un dos aspectos máis descoñecidos na nosa arte, como foi a súa estadía en Madrid entre 1917 e 1921, anos nos que a capital era un fervedoiro de creadores nos máis diferentes eidos mentres Europa se axitaba entre as súas guerras. E a guinda da torta vén da man dunha efectiva montaxe, cuidada dende a diversidade de materiais artísticos e documentais cos que a exposición cumpre con creces as súas pretensións reveladoras sobre esta artista nacida en Ucraína en 1885.

Seis son os espazos que conforman a exposición, un percorrido vital que, xunto cos datos biográficos, achéganse a cada unha das súas conquistas artísticas, aos seus intereses plásticos e como ía acadando cada un deles sempre nunha dirección moi determinada que é a que lle confire ao seu traballo, visto dende o conxunto, unha unidade máis que interesante. Arrinca coa súa educación cosmopolita en San Petersburgo, os seus estudos de pintura en Karlsruhe nun itinerario que a achegará ata París. Un tempo de formación definido pola súa interese pola cor que non esquecerá xamáis. O París do estourar das vangardas será no que medre a súa pintura decantándose polo territorio da abstracción. Ela, que deseguida se adentrou na modernidade vital e social do seu tempo, fixo dese terreo o lugar que explorar, no que fusionar formas e contrastar cores, e todo iso a través dunha arte que non se tiña que limitar aos espazos das exposicións, senón que tiña que conquistar o eido popular, difundirse a través de publicacións, publicidades, decoracións e ata das roupas. O terceiro dos escenarios sitúa a Sonia Delaunay na península Ibérica. Os tres anos da I Guerra Mundial pásaos entre Portugal e Espa- ña, descobre unha luminosidade diferente á parisina e colabora cun dos grandes daqueles anos refuxiado en Madrid, Serguéi Diághilev, o fundador do famoso Ballet Ruso. Entre 1917 e 1921 Sonia Delaunay establécese en Madrid, mentres a Revolución Rusa déixaa sen os ingresos que recibía de rentas familiares, abrindo un negocio en Madrid, Casa Sonia, adicado á decoración. É un tempo frenético, e vendo a mostra e os materiais expostos, toda unha revolución nun Madrid que non deixaba de medrar. Aquí relaciónase con Ramón Gómez de la Serna ou Guillermo de la Torre. É tempo de decorar casas particulares, palacios teatros e comeza unha interesantísima carreira no deseño de moda e complementos. As súas pinturas invaden así outros terreos máis populares e traxes e tecidos convértense en auténticas descubertas artísticas. Regresa a París e afonda nesa liña dende as colaboracións cos grupos dadaístas e surrealistas chegando a fichar por uns grandes almacéns holandeses, Metz&Co., para os que traballou durante moitos anos. En 1964 converterase na primeira muller viva á que se lle adica unha exposición no Museo do Louvre. Morrerá tras unha longa vida en 1979. Hoxe, visitar esta excelente mostra supón descubrir a unha muller cunha enorme creatividade e que abriu moitos camiños pouco transitados.

Comentarios