Súbese o telón para o Debut 2013

PONTEVEDRA. Os traballos de fin de estudos de 19 alumnos da Escola de Deseño Textil e Moda de Pontevedra (Esdemga) subiranse á pasarela o vindeiro xoves 21 de novembro para protagonizar unha nova edición de Debut. A cita terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas.

As coleccións dos novos creadores, «compostas por pezas moi creativas e emocionantes» -segundo destacou onte na presentación do evento a directora da escola, Lola Dopico-, serán portadas por preto de 70 modelos que «foron escollidos nun cásting fai unhas semanas».

A pasarela, que este ano celebra a súa sétima edición, «consolídase como unha importante cita na programación do outono pontevedrés, ademais de converterse nun punto de achegamento entre a Universidade de Vigo e os cidadáns, que cada vez interésanse máis por coñecer as aportacións que os estudantes fan ao mundo da moda», explicou a vicerretoira do campus de Pontevedra, Antonia Blanco.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, aproveitou a súa intervención para destacar «a fortaleza do evento nestes tempos tan difíciles», grazas, en parte, «ao apoio que recibimos de empresas como La Moderna, Desigual -coa que temos firmado un convenio-, Jesús Peiró, Adolfo Domínguez, Sargadelos ou Bodega Martín Códax, entre moitas otras», engadiu Dopico.

Os nomes que integran a quinta promoción de Esdemga e que xa están ultimando as súas coleccións son: Sonia Abalo, Yésica Rocío Barros, Rafael Cameselle, Cintia Roberta Cuevas, Elsa Díez, Marta Domínguez -ganadora do primeiro premio Xuventude Crea na categoría de moda fai unha semana-, Marta Ferrer, Marta García, Laura Garre, Laura González, Sara Moreno, Borja Padín, Carlota Pérez, Rodrigo Pintos, Elena Rial, Jairo Rodríguez, Patricia Santiago, María Pilar Ullod e Verónica Vimpelova.

Os días previos á pasarela desenvolveranse varios obradoiros na Facultade de Belas Artes sobre tecido artesanal en tear, maquillaxe, retoque dixital para fotografía e sastrería. Esta programación, dirixida aos alumnos, completarase con dúas exposicións que se poderán visitar o día do desfile no Pazo da Cultura: ‘Proxecto Desigual’ e ‘Proxecto Punto: Knitting Experience’. «O primeiro recolle os traballos que os estudantes realizaron a partir desta marca e baixo a coordinación de José Castro (deseñador) e Marc Calabia (director do produto de Desigual) e o segundo mostra a colección baseada no punto que os mozos fixeron coa creadora Sara Coleman». Por último, o venres 22, o presidente da Fundación Loewe, Enrique Loewe, que este ano participará como xurado no Debut, dará unha charla ás 12.30 horas na Casa das Campás.

Tribunal

Enrique Loewe e Muramatsu

O tribunal de Debut 2013 estará composto por importantes expertos en moda a nivel nacional e internacional que deberán elixir a mellor colección sobre a pasarela: Enrique Loewe: Presidente de Honra da Fundación Loewe, que representa a cuarta xeración da familia Loewe. Takanao Muramatsu: Presidente de H.P.France, un dos grupos internacionais máis importantes que aposta por moda, decoración e arte. Jeanette Nkwate: Da WGSN, compañía líder en investigación por Internet e análise de tendencias. Marc Calabia: Director de Produto da marca Desigual.

Comentarios