Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

López Abella: "Todos podemos errar, pero hai que evitar seguir teimando e reiniciar canto antes"

Susana López Abella
Susana López Abella
Susana López Abella é a secretaria de Igualdade desde 2012. En defensa da Rede CIM, criticou a Ponte Caldelas polo peche do servizo e aínda pide a apertura tras meses de controversia, tensións e dunha sentenza que anula os despidos. "Estou disposta a axudar e apoiar", di, "só importan as usuarias e os seus nenos"

Ponte Caldelas vén de anunciar que apelará contra a sentenza que obriga a readmitir ás traballadoras do CIM. Como valora o fallo xudicial?

É contundente. Deixa claro que o Centro de Información á Muller é unha competencia municipal, un servizo necesario e que debe ser especializado. Di textualmente "no se comparte la afirmación de la demandada de que no se trata de un servicio esencial y (...) no es competencia del Concello sino de la Comunidad Autónoma, pues parece difícil asumir que la regulación en materia de igualdad sea ajena a cualquier entidad territorial". O xuíz insiste e di que non se pode separar Igualdade dos Servizos Sociais, que son competencia municipal.

O Concello ve que lle dan a razón ao falar de irregularidades nas contratacións anteriores...

Non entendo como poden pensar que lle dan a razón nalgo, porque é contundente: declara nulo o despedimento, a existencia de relación laboral, e condena á readmisión nas mesmas condicións que antes. Ademais, obriga a restituir os soldos que terían percibido as traballadoras desde xaneiro e a indemnizar con 5.000 € a cada unha por danos morais...

Díaz pregúntase como cumprir as condicións da Ley Montoro que impiden incorporar novo persoal...

Insisto, o fallo é claro: "Declaro la exitencia de relación laboral entre las partes y la nulidad (...) y a su readmisión en las mismas condiciones que tenían antes de producirse el despido". Tiñan relación laboral antes.

Con respecto ao recurso ante o TSXG, é unha manobra dilatoria?

Están no seu dereito de presentalo e nós respectámolo.

"Ata o momento non se enviou a resolución de extinción, esperando a que o Goberno de Ponte Caldelas recapacitase"

É posible que se declaren medidas cautelares e se incorporen as traballadoras a pesar da apelación?

É unha cuestión xudicial, non podo falar sobre iso. Descoñézoo.

Como actuou o departamento que dirixe desde o peche?

Unha vez que cesou o servizo, abrimos o expediente para desacreditar o CIM. Non quedou outra opción. Abriuse un prazo de audiencia e déronse quince días para que participaran, pero non contestaron.

Está oficialmente extinguido?

Ata o momento non se enviou a resolución, esperando que o Goberno de Ponte Caldelas recapacitase.

Cabe esperar agora que esa resolución siga no limbo?

A Administración autonómica non pode estar no limbo, do mesmo modo que non poden estar no limbo a atención ás mulleres e os CIM. Esta sentenza recoñece a importancia de ter preto os servizos e os tempos que vivimos coa violencia de xénero son terribles...

Actualmente hai unha avogada atendendo aos veciños. É posible que non se note a diferenza entre esta fórmula e un CIM?

Como non se vai notar? Un CIM está acreditado por un decreto co que a Xunta establece que ten que haber unha atención mínima diaria para as usuarias cunha graduada en Dereito e unha licenciada en Psicoloxía. Desde o momento en que non hai especialización en igualdade e violencia de xénero é imposible. Ademais, segundo teño entendido, agora hai unha atención de catro horas á semana. Non se poden abrir gabinetes e non cumprir os requisitos esixibles: instalacións, gardar a intimidade, un horario...

"Non entendo como (o alcalde) pode pensar que lle dan a razón nalgo. A sentenza é contundente en todos os puntos: declara nulo o despedimento"

Que hai que facer para reabrilo?

Para este concello e outros que queren abrir de novo é sinxelo: hai que acreditar a contratación dos profesionais citados, como mínimo, e demostrar que os locais son axeitados. Desde o momento en que comeza a actividade, hai dereito a subvención.

Ponte Caldelas reclama que se racionalice o mapa dos centros...

Os concellos saben xestionar os seus recursos e coñecen a problemática do seu territorio e nós respectamolos. Se eles queren mancomunarse poden. A Lama, por exemplo, integra a Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes. O feito de compartir o servizo fai que se incremente a subvención. Ponte Caldelas recibiu 27.000 euros, mentras que A Lama recibiu 44.000 euros. Lalín tamén atende a Agolada e Rodeiro e percibiu 52.000 euros. Ademais, se Ponte Caldelas quere cambiar o modelo, non ten que facelo desde fóra pois ten á Fegamp, que é un magnífico instrumento de cooperación co que temos un convenio que funciona moi ben e que é unha canle de diálogo.

Ponte Caldelas insiste en que cinco días á semana é demasiado para menos de 6.000 veciños...

Tratan de xustificar o inxustificable, que é o peche, comparándose con Pontevedra, con Soutomaior... Non precisa compararse. Cada concello ten pecularidades propias. Fíxese, as traballadoras atenderon o ano pasado a 138 persoas e recibiron 525 consultas.

Falando do alcalde, o debate tornou tenso con el. El insiste en que a secretaria xeral lle debe pedir perdón por chamarlle machista... As posturas persoais son un freo neste caso?

Eu son unha servidora pública, estou á fronte dun departamento e teño que velar por que haxa igualdade en todo o territorio e por que os que o precisen sexan atendidos. Estou a disposición de Ponte Caldelas nesta materia e noutras relativas á igualdade. O noso obxectivo ten que ser a atención á cidadanía e o demais sobra. Todos podemos errar, como creo que se errou con este peche, pero é mellor evitar as teimas políticas e reiniciar canto antes. Eu estou disposta a apoiar e axudar para a posta en marcha, a asesorar co noso equipo se queren mancomunalo, se queren agrupalo, se queren seguir en solitario... Insisto en que respectamos a decisión de presentar recurso, pero o máis sensato sería que puxera o servizo en marcha de novo. O único que importa son as usuarias e os nenos. Vivimos unha situación moi complexa e precisamos todos os recursos posibles. Esta semana, por desgraza, temos novos motivos para reflexionar sobre isto.

López Abella: "Todos podemos errar, pero hai que evitar seguir...