Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Sustentabilidade e diversión sobre rodas no Green Campus

Circuito de medios alternativos, realización dun mural e postos informativos, no campus
Circuito de medios alternativos, realización dun mural e postos informativos, no campus
A Vicerreitoría pon en marcha un sistema de préstamo gratuíto de 14 bicicletas para a comunidade universitaria

Un circuíto dedicado a medios de transporte alternativos, a realización dun mural ou postos informativos sobre actividades para a mocidade e hábitos de ocio saudable ocupan desde o martes o carril central do campus de Pontevedra con motivo da Semana Europea da Mobilidade.

"É o segundo ano que celebramos esta actividade, que se enmarca no plan de acción do proxecto Green Campus", salientou o vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, dunha iniciativa que busca "a concienciación respecto da idea dunha mobilidade responsable e respectuosa co medio ambiente" así como o fomento de hábitos de vida saudables. Trátase de actividades abertas a toda a cidadanía que continuan este mércores e o xoves.

Corbacho: "Buscamos a concienciación sobre a idea dunha mobilidade responsable e respectuosa co medio ambiente"

Entre elas figuran o Green Circuit, un espazo no que sortear unha serie de obstáculos enriba dun ninebot, un pequeno vehículo eléctrico de dúas rodas, ou dun longboard, un monopatín de grandes dimensións "pensado para desprazamentos longos", explica Julián Montoto, un dos técnicos encargados do evento. Tamén se pode participar na Green Adventure, unha cinta na que pór a proba o equilibrio, ou nas Green Bubbles, unhas burbullas xigantes nas que se pode atravesar unha piscina. O programa de actividades complétase coa Green Masterclass, unha sesión de zumba ao aire libre que terá lugar o xoves de 13.00 a 14.00 horas.

A estas dúas propostas súmase ademais Green & Art, a realización, coa colaboración da comunidade universitaria, dun mural que reproduce un mapa de Pontevedra no que se sinalizan os seus espazos verdes e no que se empregarán diferentes materiais de refugallo. Ao seu carón atópase situado o posto informativo do programa A que xogas?, da Dirección Xeral de Saúde Pública, onde se ofrece información respecto de substancias aditivas como o alcol ou as drogas e sobre hábitos de vida saudable, ao que se engade o stand da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Nese mesmo obxectivo de potenciar o uso de transportes sustentables, a Vicerreitoría vén de poñer en marcha, na plataforma Deporxest, un sistema de préstamo de 14 bicicletas doadas polo Concello á UVigo e que a institución académica pon a disposición da comunidade universitaria. "Trátase dun paso máis en liña coas obras realizadas no seu momento para conectar o carril-bici da cidade co campus", apunta Corbacho sobre a iniciativa do sistema de préstamo gratuíto, previo depósito dunha fianza de 30 euros.

Sustentabilidade e diversión sobre rodas no Green Campus
Comentarios