Tamara Andrés: "A poesía é un xeito de renovarse e continuar"

Escribir poesía como forma de resistencia. Opoñerse á realidade buscando a beleza. Son dúas das cuestións que marcan o traballo de Tamara Andrés. Galaxia vén de publicar o seu último traballo. "Antiochia é un símbolo da devastación e da reconstrución"
Tamara Andrés co seu libro na Praza da Chousa de Combarro
photo_camera Tamara Andrés co seu libro na Praza da Chousa de Combarro

Vive a medio camiño entre Poio, onde naceu, e Pontevedra, onde traballa como mestra nunha academia de idiomas. Tamara Andrés (Combarro, Poio, 1992), unha das novas voces poéticas galegas, publica estes días libro, Corpo de Antiochia, no que fía, a través dunha serie de versos, unha historia de reconstrución en feminino singular. "Está comezando a distribución agora mesmo. Así que chegará ás librarías a semana que vén".

Que é Corpo de Antiochia?
O primeiro polo que me pregunta todo o mundo é polo título. Antiochia é unha cidade moi antiga, en Turquía, que xa non existe. É unha cidade que foi continuamente destruída e reparada. Aquí funciona como un símbolo. Porque aquí Antiochia é unha muller que fai un percorrido polo tempo, polo espazo, polas tecnoloxías... É desterrada. Fai unha viaxe. E, ao final, cando volve á cidade primixenia, decátase de que xa non é a mesma.

Así que os poemas seguen un fío narrativo.
Así é. Non son poemas soltos. Seguen unha historia vehiculada por esa Antiochia. Realmente hai moitas formas de concibir a poesía. Hai xente que publica libros nos que reúne poemas soltos. Outros, ás veces, teñen un tema en común. A min gústame que detrás haxa unha historia.

Semella remitir a composicións clásicas. Quizais Ulises...
Algo diso pode haber. Eu estou moi influenciada pola arte en xeral. Quizais teña máis referentes na escultura clásica que na literatura clásica. Todo sae de aí: da sensibilidade estética. En todo o poemario está moi presente a imaxe. Despois, como todos sabemos, ao fin e ao cabo, as historias sempre se repiten.

Crítica social. "Vivimos nunha sociedade brutal, atroz. Os desterros e os éxodos están máis presentes ca nunca"


Antiochia é un símbolo da reconstrución?
Si, un pouco si: da devastación e, despois, da reconstrución. Como a cidade na que se inspira. É unha metáfora: a voz poética destérrase, pero despois tamén se ten que reconstruir unha e outra vez. Outro tanto nos pasa a todos na vida.


"É unha forma de viaxe a través do tempo", din dende a editorial Galaxia.
Si, claro. Antiochia aquí é un símbolo do pasado, pero que non deixa de estar presente. Os desterros agora mesmo están máis presentes ca nunca. Os éxodos vivímolos no día a día político e social. Esta é efectivamente unha viaxe a través do tempo, pero, como che dicía antes, é que as historias sempre se repiten. Destrúeste, pero teste que renovar. A poesía é unha forma de renovarse e continuar, de facer o camiño máis ledo. Aínda que o poemario é crítico e fala dunha sociedade brutal, atroz, na que hai moita negatividade, a poesía é un xeito de opoñerse a todo iso. É un xeito de facer a viaxe máis levadeira e neste punto a estética é algo clave. A beleza axúdanos a contrarrestar todo o feo.

A poesía é unha forma de resistencia para vostede?
Si, claro. A poesía, a escritura en xeral, son formas de opoñerse ao desterro, de combatelo. Pero si, dende logo que é unha forma de resistencia. Se non lle plantamos cara á realidade a través da beleza, eu, polo menos, non sei como sobreviviriamos.

"Esta é unha poeta que quere, nun verso, atrapar os mundos, físicos ou simbólicos, que a circundan", tamén di o seu selo editorial. Como se ve a si mesma como poeta? Que cuestións lle interesan?
Penso que teño unha gran influencia da imaxe, como che dicía. Quizais é algo propio da miña xeración: estamos permanentemente vendo imaxes, na arte, no cine, na televisión... Quizais é algo que ten que ver tamén co meu interese por querer contar historias. Detrás dun cadro sempre hai unha historia. Detrás dunha película tamén. Detrás do meu poemario quero que tamén a haxa, unha historia que podes seguir dende o comezo ata o final. Por iso falan en Galaxia do meu intento por atrapar os mundos que me rodean, transformar toda esa negatividade que teño arredor. Porque, se somos honestos, por iso se caracteriza a nosa realidade, sobre todo a dos mozos. Falabamos antes da poesía como forma de resistencia. Efectivamente é iso. E eu o que fago é collelo todo, atrapalo, e evocar a Antiochia tal e como era antes.



Como foi a evolución do seu traballo dende que comezou a publicar en 2015? Cambiou moitos en dous anos?
Moitísimo. O camiño levoume a cambiar. Leo un poema de antes e un dos de agora e vexo unha diferenza brutal. Segundo vas camiñando, vas vendo, máis percorrido tes, vas aprendendo... Todo iso nótase na escrita. Penso que ten que ver tamén coa idade: cando un é novo, vive o tempo de xeito moi intenso.

Recoñécese nos autores galegos da súa xeración? Séntese vinculada a eles ou sente que non teñen nada que ver?
Penso que non se pode falar dunha xeración de poetas novos galegos porque teño a sensación de que uns e outros temos intereses moi distintos. Se algo nos caracteriza aos mozos poetas da actualidade é que temos unha individualidade moi marcada. Cada un de nós móvese nun ambiente totalmente distinto. Vexo moitas voces, de moita calidade, pero moi diferentes entre si.

Pensamento. "Se non lle plantamos cara á realidade á través da beleza, non sei como sobreviviriamos. É un xeito de contrarrestar todo o feo"

Á parte da súa faceta poética, desenvolve outra como contadora de historias, ben en solitario, ben con Susana Cerviño en Fedellas. Interésalle a escena? A expresión oral? O traballo con cativos?
Si, si que me interesa. Á fin e ao cabo eu son ‘profe’. Iso é o que me dá o sustento. Traballar con cativos é do máis enriquecedor. Cando lle contas unha historia, cando te convertes nun personaxe, sabes que lle estás chegando. Entran perfectamente en todos os mundos que lle propoñas. É unha pasada e moi agradecido. A ilusión que se crea nun contacontos é algo máxico.

Ademais, vostede é unha das participantes nunha iniciativa do Concello de Pontevedra que vincula poesía e deporte. Que tal esa experiencia?
É efectivamente unha iniciativa ben curiosa e interesante. Teño que recoñecer que cando Anxos Riveiro me falou deste tema me sorprendeu porque non acababa de ver a relación entre os poetas e os deportistas. Pero estaba moi equivocada porque a experiencia resultou moi enriquecedora. Está a punto de saír á luz o resultado dos encontros que tivemos. Haberá un recital e unha publicación colectiva. No día a día dos deportistas hai moitos elementos poéticos, bastantes máis dos que eu pensaba.

Comentarios