Teatro e danza entre obras de arte

Un momento da actividade ‘A arte dos sentidos’ realizada onte no Sexto Edificio do Museo Provincial. lorena castro
photo_camera Un momento da actividade ‘A arte dos sentidos’ realizada onte no Sexto Edificio do Museo Provincial. lorena castro
Espectáculos de Maldita Danza, percorridos dramatizados, experiencias sensoriais diferentes e visitas nocturnas foron algunhas das propostas a través das que Pontevedra celebrou o Día Internacional dos Museos. O CITA, o Pazo da Cultura e o Sexto Edificio foron os espazos escollidos polo Concello e pola Deputación para acoller actividades de cadansúa programación.

Danza no medio da exposición ‘Corpo’ do Pazo da Cultura, unha visita ao Sexto Edificio cos ollos vendados ou un percorrido polo CITA á noite foron algunhas das actividades a través das que Pontevedra festexou, na noite do pasado sábado e hoxe durante toda a xornada, o Día Internacional dos Museos.

A celebración correu a conta das dúas institucións que xestionan os espazos museísticos máis importantes da cidade: o Concello e a Deputación. Por unha banda, o Concello organizou unha programación ubicada no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e no Pazo da Cultura. A Deputación fixo o propio no Sexto Edificio do Museo Provincial. As dúas institucións coincidiron en comezar a celebración a véspera e en que a gran maioría das propostas precisasen de inscrición previa.

Ademais de toda unha serie de actividades previas na rúa e outras dirixidas especificamente a centros escolares, asociacións veciñais, culturais e outros colectivos, o CITA comezou a celebrar o Día dos Museos o sábado á noite (a partir das dez), a través dunha serie de visitas guiadas nocturnas ás Torres Arcebispais, a muralla medieval e o espazo arqueolóxico de Santa María, segundo informou o Concello.

Xa hoxe celebrouse unha xornada de portas abertas. Ademais, entre as sete e as oito da tarde estaba prevista unha actuación de Maldita Danza, un grupo formado por ex compoñentes do Centro Coreográfico Galego que presentaron no CITA a súa montaxe ‘Pasen e vexan’.

‘O corpo’

Aproveitando que na sala de exposicións do Pazo da Cultura se pode ver a mostra colectiva ‘O corpo’, o Concello convidou ao mesmo grupo a facer hoxe á mañá dous pases, estos si abertos ao público sen necesidade de inscrición previa, de coreografías inspiradas no corpo humano.

A Deputación pola súa banda comezou a celebrar o 18 de maio mantendo abertos tando o Edificio Sarmiento como o Sexto Edificio, o sábado, ata as 00.00 horas.

Castelao centrou tanto o espectáculo teatral (aberto ao público) que os alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofreceron o sábado á tardiña como a visita dramatizada ‘Unha i-alma no Museo’ que se realizou á noite. Para o propio Día Internacional dos Museos, a Deputación reservou a actividade familiar ‘A arte dos sentidos’, na que se pretendía achegarse ao Sexto Edificio e ás súa obras de arte dende os distintos sentidos. «Trátase de promover a participación activa do público achegándose ao que se denomina ‘arte de acción’ máis que a unha visita guiada tradicional», explicaba a Deputación.

Galardón: Mención especial para o Muncyt

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña vén de recibir unha mención especial no Certame ao mellor Museo Europeo 2014. O European Museum Forum recoñeceu ao Muncyt «pola súa capacidade para comunicar conceptos científicos e técnicos, así como polo seu compromiso e responsabilidade social».

Comentarios