miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Tebras e chatolas

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

NON É casual que Caravaggio estea de moda nestes momentos nos países anglosaxóns. O seu tenebrismo, o de lisiados, eremitas espidos e e santos soturnos agachados nas sombras, parece pegar ben cun tempo de incertezas e de monstros feos dos que non sabemos nin o nome.

VISTA
No anterior SeiSentidos faláballes de dous intrigantes sitios arqueolóxicos que o colectivo romanarmy.eu estabamos a prospectar en Verín. No Outeiro de Arnás, as nosas hipóteses confirmáronse dunha maneira curiosa. O que atopamos son as chatolas das sandalias todoterreo dos lexionarios, que son un elemento clave da arqueoloxía militar romana. En Cantabria e en Palencia téñense reconstruído batallas e avances lexionarios polo rastro de chatolas perdidas que van deixando os soldados na súa marcha. As evidencias permiten afirmar que ese lugar foi un pequeno recinto militar provisional romano, coa presenza de, se cadra, uns 80-100 soldados controlando o val do Támega. Pero, por agora, o misterioso Alto do Circo continúa sen pai putativo. Por agora, só sabemos que non é romano e si que buscaban chamar a atención: baixo a capa vexetal aparecen, na muralla, fiadas de seixos que brillan na distancia. Será o carbono 14 quen nolo tente aclarar.

OÍDO
Sen ánimo ningún de negar as contribucións do finado de Eiras Roel, catedrático de Historia Moderna da USC, a súa morte levoume a unha lembranza persoal un pouco distinta. Eu só o escoitei falar unha vez, cando presentaba un volume editado por el sobre Felipe II en Galicia, encargado pola Xunta como a súa contribución aos fastos do centenario do rei. Foi alí cando descubrín o ben que se saben levar Historia e Poder. Eiras Roel gabou o intenso papel do monarca en Galicia, que resumía en dúas grandes accións: a reforma da xustiza do reino e que o rei partira da Coruña a Inglaterra a casar. Eu ficara absorto con aquel entusiasmo valorativo para tan pouca cousa. E nesas estaba cando o conselleiro de Cultura de aquela, Pérez Varela, se me achegou e tirou —literalmente— dunha orella, mentres me recitaba dous titulares meus que lle resultaran incómodos e que eu xulgara moderados cando os redactara. Supoño que lle preocuparía que eses dous humildes titulares quedaran tamén para a Historia.

OLFATO
Explosión Caravaggio. Temos ao pintor da piedade e da compaixón de moda. Unha exposición no Metropolitan de Nova York, outra nas National Gallery de Londres, Dublin e e Edinburgo, ensaios e unha obra de teatro da Royal Shakespeare Company. Ingrid Rowland reflexiona sobre este novo impacto do pintor na New York Review of Books no mundo anglosaxón. Segundo Rowlad, os victorianos ingleses preferían escenas luminosas ao tenebrismo, os mendigos e os lisiados barrocos que Caravaggio saca das penumbras, e que pola contra son parte da estética católica latina. Creo que a estética de Caravaggio encaixa ben cos temores e as teimas de hoxendía.

TACTO
Baixamos por temas de traballo ata a serra de Huelva, onde no seu tempo estivo instalada a Banda Galega. Non era unha orquestra de verbena, senón un grupo de afoutados repoboadores do país que funcionaban a xeito de forza de choque contra mouros e portugueses. Os galegos —segundo nos contan alí— trouxeron con eles os castiñeiros e hoxe a serra é un espazo que lembra un pouco á zona de Cotobade/Terra de Montes, só que as viliñas son brancas no canto de grises. Tomen nota dun sitio: Almonaster la Real. A mesquita califal, no alto da vila, ben merece ela soa esta visita. O recinto foi templo romano, igrexa visigoda, mesquita e igrexa románica. De cada un dos elementos quedaron anacos que acaban compoñendo o conxunto, pero chámame a atención a conxelación dos carteis. É mesquita e punto. Con frecuencia tendemos a aillar e vender o máis exótico. Sen embargo, estando naquel venteado edificio, observando os capiteis corintios e as lápidas romanas, vendo como o mihrab apunta á Meca e o ábside románico a Xerusalén, nesa venteada altura preferida en época romana para intimar con Xúpiter, párome a pensar que a riqueza deste lugar está en que tres ou catro cultos distintos buscaron neste lugar a Deus.

GUSTO
Canda os castiñeiros, se cadra os galegos levaron con eles porquiños de raza ás vellas terras musulmanas. Jabugo é se cadra a menos agrazada das viliñas da serra a nivel estético, pero é a que move máis caixa ao redor da raza porcina ibérica. Buscamos un bo sitio para catar as excelencias do animal, e abofé que o facemos en profundidade. É ben certo que o porco ibérico ten unha carne excelente, pero desculpen o chauvinismo: en Galicia non imos tardar moito tempo en superar en termos de calidade o ibérico e a súa lendaria infiltración de grasa. O noso material xa é na actualidade igual ou mellor, con sabores máis concentrados e unha experiencia de degustación máis completa. Tempo ao tempo.

MEMORIA
Visito a xudería de Hervás, no norte de Cáceres. É un espazo aínda vivo: das adegas sae o cheiro a viño e a salmoira das aceitunas. Traio no móbil as indicacións para ver a antiga sinagoga, que consigo identificar con facilidade, pero pregúntolle a un vello: "Esta é a sinagoga?". El mírame estrañado e négao: "Para nada. Aquí disque houbo unha igrexa".

Tebras e chatolas
Comentarios
ç