''¡Tenemos Papa peronista!''

O embaixador Cafiero, alegre pero comedido, onte (Fotos: MARCOS MÉNDEZ)

«No me lo puedo creer! Es un hombre maravilloso, muy cercano, buenísima persona». Dicíamo brincando e con bágoas nos ollos Patricia Hurtado, segundos despois de que o protodiácono Jean Louis Touran anunciara que Jorge Mario Bergoglio é o novo Papa, Francisco I. Pola súa banda Juan Pablo Cafiero comentábame, alegre pero moito máis cauto que o novo Papa é un orgullo para a Arxentina. E, quen son Patricia Hurtado e Juan Pablo Cafiero? El o embaixador arxentino ante a Santa Sede e ela unha traballadora da embaixada. A sorte quixo que asistira ao anuncio do novo Papa ao seu carón. E mira que había milleiros de persoas na praza de San Pedro. Outra casualidade: O avó de Patricia era de Lugo. «Llevo a Galicia en el corazón», dime.

Chegara á praza de San Pedro a iso das seis e media. Notábase no ambiente que tiña que ser hoxe. A praza estaba ateigada de xente, moitos máis que na fumata da mañá. Chovía, e milleiros de paraugas abertos cortaban case toda posibilidade de ver a cheminea, con sorte nalgunha das catro pantallas xigantes instaladas na praza. A medida que pasaban os minutos a tensión ía aumentando. Grupos de xente reza, outros fan apostas, pero os máis non lle quitan ollo á cheminea. Dan as sete e aínda nada. Uns minutos despois a realización das pantallas xigantes, que mantivera durante moito tempo un plano fixo da cheminea, comeza a abrir o plano para enfocar máis tellado, e nun zoom moi lento volve á mesma posición na que estivera case toda a tarde. Algo vai pasar. Segundos despois comeza a saír o fume. Os primeiros segundos foron, non máis de dous ou tres, de respiración contida. En serio, sentiuse como os milleiros de persoas que ateigabamos a praza collemos aire e aguantámolo eses dous, tres segundos ata que se viu claramente que o fume era branco. A alegría desbordouse, poden imaxinalo. Malia que un intente ver estas cousas con certa distancia, hei dicir que foi un momento moi emocionante. A xente abrazábase, bicábase, brincaba e aplaudía. As campás estiveron a repicar durante varios minutos como banda sonora de toda esta alegría.

A partir de aí o oco que quedaba por encher da praza comezou a recibir xente correndo. Era basicamente a parte de atrás onde estabamos os que cansos de tanto paraugas preferiamos unha vista máis afastada pero cos ollos a salvo de varillas perdidas. As campás non deixan de soar durante varios minutos. E a xente segue a achegarse e apretarse máis e máis.

O tempo que transcorreu dende a fumata ata que se anunciou o novo Papa foi o máis agotador de todo. A Garda Suíza desfilaba diante da basílica, pero pouco máis pasaba. A choiva ía amainando e os paraugas pechándose, polo que xa era factible achegarse un pouco máis ao centro do meollo. Ao final quedo ao carón dun grupo de arxentinos que levan unha gran bandeira do país atada a dous paraugas. Ás oito e dez encéndense as luces da basílica e a xente comeza a berrar e aplaudir, uns minutos despois ábrese a porta da loxia das bendicións da basílica e aparece o protodiácono Jean Louis Tauran: «Jorge Mario Bergoglio». Silencio sepulcral en toda a praza, pero en canto se oe Bergoglio os meus veciños comezan a saltar, abrazarse e chorar. «Es el nuestro, es el nuestro, el de Buenos Aires». A xente achégase a preguntar quen é o Papa, de onde é... É arxentino e xesuíta, «ah... congratulazione!, congratulazione!» grazas señora, pero eu son español, os arxentinos son eles...

Patricia e o resto do grupo non para de recibir parabéns da xente, o embaixador, algo afastado do grupo, reprime o que sexa que se lle pasara pola cabeza. «¡Tenemos un Papa peronista!», dille un do grupo, o embaixador sorrí, pero en ningún momento perde o rictus de tranquilidade. ¿Que significa esto para Argentina embajador?, pregúntolle. «Un orgullo muy grande», responde. Patricia, pola súa banda non escatima eloxios ao novo Pontífice: «Es un ser excepcional, una buenísima persona, muy normal, de la gente pobre».

Primeiras palabras, silencio. Soa un teléfono, o de Patricia. Remata de falar o Papa e ela achégase ao embaixador: «Embajador, nos esperan en la embajada».

"ISTO SÓ O SUPERA UN CONCILIO"
Óscar Valado,  natural de Vigo, estudou en Lugo, traballa en Santiago e agora   atópase en Roma preparando a súa tese sobre Teoloxía
«Vou de cura cun paraugas de cores». A pesar de ser así de concisa, e de que estabamos nunha praza de San Pedro a rebordar de xente, momentos logo da fumata negra da mañá, non me foi difícil atopar a Óscar, todo hai que dicilo, grazas ao seu paraugas, porque o resto da vestimenta é o que máis se ve aquí no Vaticano: traxe, camisa e abrigo negros e alzapescozos branco, claro.

Óscar ten 32 anos e é natural de Vigo. Traballa en Santiago e leva algo máis de ano e medio en Roma preparando a súa tese sobre Teoloxía. «Fundamental, non fundamentalista, eh!» Licenciouse en Ciencias Relixiosas en Lugo. «Alí mesmo din grazas ao Santísimo, e acórdome do ben que comín». En Lugo tamén vive parte da súa familia. Óscar fala con esa tranquilidade característica dalgúns curas -dos que caen ben, atreveríame a dicir- cunha linguaxe de calquera mozo de 32 anos. El era un universitario compostelán máis, con noiva e todo, que un día sentiu esa chamada de Deus. «É difícil de explicar, seino, pero sentino así», e deixou a súa vida anterior para ser cura. Ofrézolle ir tomar un café para poder falar máis tranquilos. Esperamos á fumata e imos. Lévame ao café San Pietro. Cappuccino e espresso: 7 euros.

Xa sei o que me vai contestar, pero aínda así formulo a pregunta: «Quen é o teu favorito?». «Patrick O’Malley, o frade capuchino estadounidense». Equivocárame. «Sabes que es o único relixioso que me dá un nome á primeira?», dígolle. «Xa imaxino, o que saia vai ser o mellor, iso sabémolo, pero ti preguntáchesme por cal me gustaría a min, e ese é O’Malley. Enfrontouse a problemas moi graves e resolveunos moi ben».

Óscar di que estar estes días en Roma «son a oportunidade da túa vida. Vivir de cerca un dos momentos máis importantes da Igrexa. A isto só o pode superar un concilio». «Convocarao o novo Papa?» «Jajaja... Non creo, sobre todo porque non se puxo en marcha totalmente aínda o Concilio Vaticano II. Aínda que desde entón deuse unha viraxe tremenda, apostouse polos necesitados, polo mundo, déronse grandes pasos nestes cincuenta anos, pero quedan moitas cousas por facer».

A imaxe que moitas veces chega á xente de aquí do Vaticano é que a política, os grupos de poder e o poder en si mesmo, mandan sobre a fe. «Cando o río soa, auga leva. Pero moitas veces todos estes rolos de conspiracións e demais están alentados por grupos que defenden determinados intereses, sobre todo medios de comunicación. Por exemplo hoxe, un medio español moi importante destaca que a diócese de Los Ángeles ten que pagar unha millonada en indemnizacións por pederastia, e publícao agora xunto co resto de noticias do conclave. E seica non é noticia. Foino, pero é unha noticia antiga, non vén a conto sacala agora, faise para desprestixiar a Igrexa. Pero á parte diso, cando eu vexo que aquí se fan cousas mal dóeme. Tamén entendo que os trapos sucios deben lavarse na casa, pero hai cousas que non se fan ben».

«Que cousas?», pregúntolle. «Moitas, pero por exemplo, o que máis cerca temos, en España, hai veces que falan pola Igrexa persoas, non imos dar nomes, que erixíndose portavoces da Igrexa fanse portavoces de si mesmos. Nós non podemos gobernar as conciencias dos non crentes. Eu non poido obrigar a ninguén porque non pense coma min».

Xa que saca o tema dos medios de comunicación pregúntolle por como está a ver a cobertura mediática deste. «É o máis mediatizado da Historia, iso está claro. Estásenos intentando facer ver algo que existe pero que non é o máis importante. Vale que o Vaticano é un Estado e o Papa será xefe dese Estado, pero o que lle fai realmente importante non é iso, é algo moito maior, vai ser o principio de unidade para toda a Igrexa. Onte viuse absolutamente ata que se pecharon na capela, poderíase ver ata o Espírito Santo».

Xa que o nomea, pregúntolle como é que teñen que votar tantas veces se é o mesmo espírito o que aluma aos 115 electores. «Jajaja, xa sei que é difícil de explicar, sobre todo aos non crentes, porque entramos nun discurso sobrenatural. Os electores xuran que non se van a pór de acordo para elixir a un ou a outro, e os que temos fe cremos que o resultado final vén do Espírito Santo».

Comentarios