Tiro con arco, exhibicións de xogos a cabalo e cea de época na V Festa Medieval de Barro

O municipio de Barro retornará mañá á Idade Media nunha xornada na que non faltarán exhibicións de xogos medievais a cabalo, tiro con arco, obradoiros de xoias de barro e de pan, así como unha gran cea de época, á que os veciños da localidade asistirán cos traxes característicos do medievo.

A apertura da V Festa Medieval de Barro terá lugar ás 12 horas, aínda que, previamente, ás 10 horas se dará saída á Ruta Cabalar no Pazo da Crega. Os obradoiros de pan e de xoias de barro comezarán tamén ás 12, mentres que as demostracións de tiro con arco serán a partir das 12.30 horas.

A localidade recibirá aos participantes da Ruta Cabalar ás 14 horas, momento no que irán chegando á meta de xeito escalonado.

As actividades continuarán ao longo da tarde coa celebración de diversas exhibicións de xogos medievais a cabalo, demostracións que correrán a cargo dos Cabaleiros do Salnés. Paralelamente, os que se acheguen mañá ao municipio poderán pasear entre os distintos postos de artesanía, gastronomía e de oficios medievais que estarán instalados na explanada do Pazo da Crega.

O momento máis destacado da chegará coa cea de época que terá lugar ás 22.30 horas no mesmo Pazo. O menú medieval estará composto por empanada, mexillóns, calamares, polbo, xarrete asado con patacas e ensalada,postres, café, viño e auga. Coa chegada da medianoite farase unha queimada para todos os presentes e procederase á entrega de trofeos entre os participantes dos diferentes torneos da festa.

Comentarios