"Todas as mulleres foron vítimas na ditadura"

A Deputación Provincial trae a Pontevedra 'Rexas', unha exposición comisariada por Montse Fajardo que documenta a represión sufrida durante o franquismo por 172 mulleres galegas
Un detalle da exposición onde se pode ver a Juana Otero e Elsa Omil
photo_camera Un detalle da exposición onde se pode ver a Juana Otero e Elsa Omil

Margarita Caballero Calleja e Tareixa Carro Sobral son depositarias da memoria de mulleres rexas, represaliadas polo franquismo. A xornalista especialista en memoria histórica Montse Fajardo estivo este xoves acompañada polas dúas na inauguración da exposición que bautizou con ese mesmo título, Rexas, da que é comisaria. Ata o día 10 de decembro poderase visitar no Pazo da Deputación enmarcada na programación de actos de reparación de memoria histórica que organizou o ente provincial. "Todas as mulleres foron vítimas", di Fajardo. "Por suposto todas as que foron perseguidas, asasinadas, torturadas, violadas e encarceradas. Pero mesmo as que apoiaron o golpe foron vítimas. Porque, dende ese momento, a súa vida cambiou para sempre. Todas perderon os dereitos que se foran acadando".

A pesar de todo, as mulleres foron solidarias, resistentes e, sobre todo, as principais transmisoras da memoria"

Rexas é un proxecto de investigación e documentación da memoria das mulleres galegas represaliadas durante a ditadura, "centrado especialmente nas do proletariado, as máis anónimas", conta Fajardo, que explica que a exposición recolle a historia de 172 mulleres de toda Galicia, 90 delas con imaxes. "Arredor de 30 son mulleres de Pontevedra ou da comarca".

As biografías e experiencias de casos xa coñecidos, como os de Josefina Arruti, Cinta Rey ou Juana Otero, Fajardo incorpora en Rexas outras inéditas. "Esa era a idea. Seguir incorporando a historia de mulleres á recuperación da memoria, seguir reivindicándoas". É o caso de Asunción Verea, "muller dun dos poucos militares que se negou a apoiar o golpe, neste caso en Marín, e foi fusilado, tralo que ela despois foi visitada durante noites e noitas, na súa casa da Coruña, por falanxistas que a violaban diante das súas nenas". Para Fajardo é un caso especialmente emocionante, "porque foron precisamente as súas fillas as que nos cederon a foto e lle dixeron á asociación de recuperación histórica da memoria de Marín non só que non tiñan inconveniente en que se contara a súa historia senón que por favor non permitiran que se esquecera". Outra fotografía inédita é a de Eusebia Durán Lusquiños, da Seca, "que estaba dándolle de mamar ao seu bebé, cando llo arrancaron do peito para levala presa, acusada de agochar fuxidos e que despois foi liberada".

Rexas. Mulleres baixo o terror franquista, que estivo en catro comarcas da provincia e que remata a itinerancia deste ano na cidade, inclúe tamén un apartado adicado ás mulleres resistentes. "Porque, a pesar de todo, as mulleres foron solidarias, resistentes e, sobre todo, as principais transmisoras da memoria".

Comentarios